The Rapants acompañará a La Raíz no seu regreso aos escenarios no 2025

A banda muradá actuará no Coliseum da Coruña o 22 de marzo e no pavillón da Magdalena, en Avilés, o 26 de abril; e as entradas sairán á venda o 13 de xuño

Os rapantes retoman a súa xira La máquina del buen rollo este sábado 15 en Pontevedra, no marco do festival Surfing the Lérez 

The Rapants será unha das bandas de apertura dos concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de ausencia. Os muradáns acompañarán ao grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos que os valenciáns ofrecerán no 2025, coincidindo co 20 aniversario do nacemento da formación. Concretamente, os rapantes levarán La máquina del buen rollo aos directos que La Raíz dará o 22 marzo na Coruña (Coliseum) e o 26 de abril en Avilés (pavillón da Magdalena). As entradas sairán á venda este xoves, 13 de xuño, a partir das 10.00 am, nas plataformas Enterticket e Ataquilla.com

The Rapants suma así dúas novas citas no seu tour, que comezou esta primavera cun dobre ‘sold out’ na Sala Capitol (23 e 24 de marzo, cuxas entradas se esgotaron en cuestión de minutos) e co que visitaron o Náutico de San Vicente (O Grove), o festival Terraceo de Vigo ou mesmo La Sala do WiZink Center de Madrid, na que se coroaron como gañadores do certame Último acorde x Johnnie Walker celebrado o 26 de abril. 

20240611-The-Rapants-La-Raiz-e-novas-datas-LMDBR