O Festival Atlántica Inaugúrase este luns 1 con ‘Pisando el llano’, un espectáculo unipersoal baseado no imaxinario de Juan Rulfo

O festival bota a andar este luns con actividades en Santiago de Compostela e en Portugal e proseguirá ata o domingo 7

A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de Jaime Santos, de La Chana Teatro, no CSC Maruxa e Coralia de Santiago ás 21 horas

A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal


 
O Festival Atlántica inaugura este luns, 1 de xullo, a súa duodécima edición con actividades en Santiago e Portugal. En Compostela a actividade da mañá estará dirixida aos máis cativos, que poderán gozar dos espectáculos Prende no colo de Luís Prego e Samuel Soto (11.00 horas) e A maleta da avoa de Raquel Queizás (12.00 horas), ambos os dous no CSC Maruxa e Coralia.

Alí mesmo, pero pola noite, ás 21 horas, terá lugar a función inaugural Pisando el llano, un espectáculo unipersoal de Jaime Santos, de La Chana Teatro, baseado na colección de contos El llano en llamas de Juan Rulfo. O actor salmantino consegue preservar nesta proposta escénica a calidade literaria das obras de Rulfo e ofrecer unha representación teatral que se axusta o máximo posible ao imaxinario descrito polo escritor mexicano.

Dun xeito honesto e sen artificios, Jaime Santos transmite a crueza e desolación que preside El llano en llamas e faino sen máis acompañamento ca unha cadeira. O único actor en escena tratará de reflectir a “escrita total” de Rulfo nestas historias ambientadas en paraxes áridas do México pre e postrevolucionario que narran as vivencias de campesiños solitarios en constante loita por sobrevivir ante os procesos de industrialización do país azteca.

Santos, grande admirador do escritor mexicano, quixo preservar a esencia dun dos principais representantes do realismo máxico, así que, amais de realizar a representación completa con acento mexicano, emprega a mesma linguaxe popular que caracteriza esta obra, considerada un clásico da literatura hispanoamericana.

Tamén Portugal

Atlántica tamén comezará este luns 1 de xullo a súa actividade en Portugal, onde programa un total de trece funcións en cinco sedes diferentes e durante sete días. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

20240627-NP-Festival-Atlantica-Santiago-2

O XII FESTIVAL ATLÁNTICA PROGRAMA EN SANTIAGO UNHA VINTENA DE PROPOSTAS ENTRE O 1 E O 6 DE XULLO

24 planes diferentes gratuítos que inclúen contos, música, andainas, unha ruta en bicicleta, un documental e un obradoiro

A función inaugural será ‘Pisando el llano’ de La Chana Teatro que tamén representará ‘Blancanieves’, premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar

Xunto á portuguesa Ana Sofia Paiva e o xaponés Yoshi Hioki estarán ‘clásicos’ de Atlántica como Paula Carballeira, Vero Rilo, Cris de Caldas, Paco Nogueiras ou Raquel Queizás, entre outros

Protagonismo de la fusión de música e contos cos espectáculos ‘Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas’, de Dani Blanco e Zé Pumar, e ‘Patios de luz’de Su Garrido Pombo

A programación completa pódese consultar na web festivalatlantica.gal


Festival Atlántica ultima os preparativos para desembarcar en Santiago de Compostela e a súa bisbarra cun intenso programa que desenvolverá 24 actividades gratuítas entre os días 1 e 6 de xullo. A descentralización é unha das marcas do veterano encontro en Compostela, con funcións urbanas que conviven coa aposta decidida por barrios, lugares e parroquias do extenso rural do concello. Boa parte das propostas son de narración oral, pero haberá tamén espectáculos que mesturen contos e música, e actividades mais diversas como andainas e mesmo a proxección dun documental e un obradoiro de memoria.

O espectáculo inaugural da edición deste ano vai ser o unipersoal Pisando el llano da compañía salmantina La Chana Teatro que tamén levará ata ao Teatro Principal Blancanieves, unha obra multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil, xuvenil e familiar. Tamén de fóra de Galicia serán as historias da portuguesa Ana Sofia Paiva e do xaponés Yoshi Hioki, ambos os dous con propostas para público familiar e adulto.

Mais a gran maioría do programa recae sobre artistas da narración galega: Paula Carballeira, Raquel Queizás, Inacio Vilariño, Vero Rilo, Inma Soto, Iseo Agilda e Pablísimo. Haberá tamén funcións con música que chegarán da man de Luís Prego e Samuel Soto, Cris de Caldas e Xabi do Camiño e Paco Nogueiras. Mención aparte merecen a estrea o venres 5 de Contos de revolución: entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco e Zé Pumar, e a clausura en Compostela con Su Garrido Pombo e Patios de luz na explanada da Colexiata de Sar o sábado 6.

Propostas diversas
O público máis activo terá este ano a posibilidade de gozar de dúas andainas, unha nocturna polos petróglifos da Devesa da Rula guiada polo Colectivo A Rula e que xa esgotou as súas prazas, e outra diúrna polo románico do rural da igrexa de Santa María de Figueiras. Outra proposta é coñecer os castros da bisbarra nunha ruta en bicicleta na que colabora a Gentalha do Pichel. Pechan o apartado de actividades diversas o obradoiro Memoria e relato dos obxectos a cargo de Alba Grande e a proxección do documental Caneliñas, de Paula Castiñeiras e María González, no Museo do Pobo Galego

No tocante ao veciño concello de Teo, poderá gozar tamén de Atlántica entre os días 3 e 6 de xullo cunha variada programación para a cativada con funcións de Yoshi Hioki e Vero Rilo. Ademais o público adulto terá a sorte de presenciar a estrea de Contar para vivilo de Cándido Pazó e os Contos e cantos da Baleanorte de Lidia Luna acompañada de Ugía Pedreira.

Toda Galicia… e Portugal
Ademais, o 3 de xullo marcará o inicio do festival en boa parte das 25 sedes espalladas por toda Galicia. Este ano participan en Atlántica, alén de Santiago e Teo, os concellos de Ferrol, A Coruña, A Estrada, A Pobra do Caramiñal, Alfoz, Betanzos, Brión, Caldas de Reis, Chantada, Cuntis, Dodro, Lobios, Meaus, Mugardos, Ourense, Outes, Palas de Rei, Pazos de Borbén, Ribeira, Rois, Sanxenxo, Vigo e Vilalba. A esta extensa actividade cómpre engadir a programación de Portugal que levará trece propostas a cinco sedes diferentes, reafirmando o carácter transfronteirizo do encontro. 

O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web festivalatlantica.gal.

PROGRAMACIÓN

ATL24_COMPOSTELA_programa

Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

20240627-NP-Festival-Atlantica-Santiago

DOSSIER

FA-2024-Dossier_SANTIAGO