As dúas funcións de IRIBARNE na Coruña esgotan as súas entradas

Un Teatro Rosalía de Castro ateigado acollerá a última creación de ButacaZero o venres 15 e o sábado 16 de marzo ás 20.30 horas

Esta proposta escénica transmedia complétase coa música de Berto, entrevistas en aberto na canle de YouTube de ButacaZero e a publicación da edición galega do texto

A obra ten dúas candidaturas aos Premios Max: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, chega esta semana ao Teatro Rosalía de Castro con dúas funcións que xa esgotaron as súas entradas hai semanas. A revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida polo coruñés Xavier Castiñeira estará na cidade herculina o venres 15 e o sábado 16 de marzo, ambas as dúas sesións ás 20.30 horas.A platea ateigada está a ser a norma da xira galega de IRIBARNE desde a súa estrea en Vilalba en xaneiro e, de feito, a obra xa pasou por Santiago, Pontevedra e Vilagarcía e tamén alí esgotou as entradas. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- tamén ten previsto recalar en Lugo (11 abril), Tomiño (20 abril), Cangas (4 maio), Bilbao (9 maio), Narón (18 maio), Vitoria (7 xuño) e Ribadavia (xullo).
Ademais, recentemente fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e nesta primeira fase dos galardóns IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas e a un prezo de 15 euros. A súa adquisición tamén é posible nos espazos onde se representa a obra.IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

Dossier-prensa-IRIBARNE_baixa

Proxección do documental XOVE, DEMOCRACIA NUCLEAR, de Pedro Lechuga Mallo, na Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, 16 de marzo, ás 19 h, a proxección do documental “Xove, democracia nuclear”, do xornalista Pedro Lechuga Mallo. A peza audiovisual recupera as historias vividas durante a década de setenta na provincia de Lugo, e concretamente na Mariña, cando se fixo público en novembro de 1973 o proxecto de construción dunha central nuclear na enseada de Regodela, no concello de Xove.

No documentario, que recolle as importantes mobilizacións sociais que se levaron a cabo contra o proxecto de Fenosa, interveñen distintas persoas, entre elas, Emilio López Pérez, “Milucho”, destacado activista da loita contra a nuclear, que manterá logo da proxección un coloquio co público asistente. 

A asistencia á proxección é de acceso libre até completar o aforo do auditorio da Casa-Museo, mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Sílvia Abril, Antonio Resines, Jordi Moltó, Juan Herrera, Raquel Martos, Dani Alés e David Perdomo, entre outras grandes figuras, protagonizan o programa de actividades paralelas gratuítas deste EMHU 2024

Sílvia Abril, Antonio Resines, Jordi Moltó, Juan Herrera, Raquel Martos, Dani Alés e David Perdomo, entre outras. grandes figuras da comedia e da comunicación, protagonizan o programa de actividades paralelas gratuítas deste EMHU 2024

O Encontro Mundial de Humorismo, que suma máis de 18.400 entradas vendidas cando queda un mes e medio para a súa celebración, ofrecerá en directo e en aberto para todos os públicos os podcast de entrevistas ‘El nicho’ e ‘El sentido de la birra’, ademais dun ‘Match de Impro’ da Escola de Impro Coruña

Sílvia Abril, que actuará na gala ‘Humoris Causa’, presentará e asinará o seu libro ‘Pérdidas de risa’ nunha charla xunto ao director artístico do EMHU, Luis Piedrahita

Así mesmo, os fans do EMHU poderán gozar das conversas ‘O negocio do humor’, na que participará Juan Herrera – creador de ‘Humor Amarillo’, entre outros-,  e ‘Coidado coas bromas: unha mesa redonda sobre os perigos da comedia’

Pola súa banda, Jordi Moltó aterrará no Teatro Colón coa súa escachante proposta para todas as idades ‘Lo que me han enseñado los mayores’, e á que o público poderá asistir solicitando a súa invitación a través dos centros cívicos municipais

As invitacións para as actividades paralelas do EMHU 2024 que requiren reserva previa (‘El sentido da birra’ e ‘Lo que me han enseñado los mayores’) poderanse retirar a partir das 12.00 horas do luns 18 de marzo en www.ataquilla.com 

Nas fotografías adxuntas do acto aparecen:

  • Alcaldesa de A Coruña, Inés Rey.
  • Secretario territorial da Delegación na Coruña da Xunta de Galicia, Severino Álvarez.
  • Responsable de Cultura, Orixe e Gastronomía de Hijos de Rivera, Goretti Castro.
  • Director artístico de EMHU, Luis Piedrahita.
  • Humoristas de Galicia: Roberto Vilar, Tito Asorey, David Amor, Marta Doviro, Ledicia Sola, Carmen Méndez, Oswaldo Digón, María Fernandez.

Copy das imaxes: Leo López / EMHU 2024

20240311-NP-GAL-EMHU-2024-Paralelas-2

Conferencia TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR: MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA E MARÍA SOLIÑA, de Guillermina Domínguez, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos organiza, o venres 15  de marzo de 2024, ás  20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, unha conferencia impartida por GUILLERMINA DOMÍNGUEZ sobre “TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR; MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA E MARÍA SOLIÑA”, e será presentada por MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

A confrencia de Guillermina Domínguez ten como precedente o libro “Tres mulleres galegas de armas tomar’. María Balteira, María Castaña e María Soliña” escrito pola propia Guillermina Domínguez Touriño e por Felicia Estévez Salazar e publicado no ano 2009 por Baía Edicións

NOTA-INFORMATIVA-TRES-MULLERES-GALEGAS-DE-ARMAS-TOMAR