Presentación do libro “De entre as tebras”, de Alex Pernas, o 22 de xaneiro na Coruña

Alex Pernas presenta na Coruña o seu libro “De entre as tebras”

A cita terá lugar o luns 22 de xaneiro ás 19:30 no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda

Trala publicación de Xarfas e A Paga, Alex Pernas (A Coruña, 1986) escribe este novo libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa de novo o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella.

A través de diferentes épocas e viaxando entre o urbano e o rural, estas páxinas farán un percorrido por todo o territorio galego escoitando, na propia voz de moitas das protagonistas e cos trazos dialectais que as caracterizan, a realidade que hai detrás dos contos de demos, trasnos, espíritos e meigas.

Espectáculo de títeres TANXARINA o sábado 20 de xaneiro na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 20 de xaneiro, ás 17 h, visíta a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, TANXARINA, unha compañía de títeres con 40 anos de historia, que nos traerá (público: nenas e nenos a partir de 4 anos e familias) o seu espectáculo TITIRICIRCUS.
A peza é un recordo ensoñador e festivo do grande circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous traballadores daquel circo que lembran agora con monicreques de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo co público, irán aparecendo os números máis importantes daquel vello circo desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica; o malabarista máis divertido e bailador do mundo…
Para asistir ao espectáculo cómpre facer a reserva (billete 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Fillas de Cassandra pendura o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación do seu novo directo, ‘Últimas Dionisíacas’


O dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu en menos de dez días os 1.400 billetes dipoñibles para a cita do 16 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo

Fillas de Cassandra vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación no seu novo directo, Últimas Dionisíacas, que terá lugar o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. En menos de 10 días, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu os 1.400 billetes dispoñibles para a cita; o que dá boa conta do momento que está a vivir o grupo, a gran revelación da escena musical do pasado 2023 tanto polas súas letras directas como pola forte conexión co público. 
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas farán unha revisión dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. Neste novo directo, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante; e o dúo estará acompañado por outras dúas músicas sobre o escenario (Tania Caamaño e Marina Vidal). Alén deste formato, na estrea das Últimas Dionisíacas o vindeiro 16 de febreiro, Fillas de Cassandra contará coa colaboración de diversas artistas cuxas identidades aínda non saíron á luz.