Andanzas do Suso de Lameliña. O TOCADOR DE FAGOT

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O TOCADOR DE FAGOT

O fillo de Joaquín Echevarría, quen fora notario ilustre da vila, desde a idade temperá dos oito anos comezou a tocar o fagot. Algo que chamou moito a atención, pois era meirande ca el e un instrumento non  habitual para un neno da súa idade. Resulta que un día o pai levouno a un concerto a Oviedo e o rapaz ficou abraiado co instrumento. Houbo que comprarllo e mandalo a clase para que comezase o seu aprendizaxe. Desde entón, Avelino, é o seu nome, empezou actuar, primeiro nos festivais do colexio e xa de maior onda o chamaban. Tiña bastante éxito, non polo ben que tocaba, que non había queixa, senón pola rareza do instrumento. Mais o que el desexaba era actuar un día nunha orquestra sinfónica. Os anos foron pasando e a oportunidade non chegaba ata que cumpridos os sesenta, apareceu pola vila unha sinfónica da antiga Unión Soviética. Chegada a hora do concerto, sentouse na primeira fila co fagot baixo o brazo. Ía xa rematar o concerto e o director convidouno a subir ao escenario. Que lle parece se tocamos a introdución ao “Lago dos cisnes”?, díxolle. Avelino, aínda que nunca a tocara, era tanto o desexo de subir ao escenario con tan ilustres músicos —xa dixen o soño da súa vida—  que sen pensalo dúas veces, aceptou. Subiu ao estrado todo fachendoso e aos dez segundos de comezar a interpretación, entrou o fagot tocando algo parecido á Rianxeira. Os espectadores ficaron abraiados ante semellante dispendio de orixinalidade. Os aplausos finais superaron con creces as anteriores execucións. Contan que o compositor escocés James Dillon, un dos máximos representantes da corrente “Nova Complexidade”, ao ter coñecemento do concerto, fíxoo chamar. O que hai de certo niso, aínda hoxe, despois de cinco anos, non hai quen o poida asegurar con certeza. O que si se sabe é que ao cabo dun mes, Avelino e o seu fagot desapareceron da vila. Desde entón circulan pola mesma dúas versións enfrontadas: A daqueles que din que se marchou para O Caribe, para acabar de fundir a fortuna que lle deixou o ilustre notario Don Joaquín Echevarría, e os que din que forma parte dunha orquestra británica, apadriñado polo afamado compositor escocés.

Presentación do libro O PASO EN FALSO na Casa da Cultura de Vilalba

Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba e da Editorial Galaxia, organiza o venres 12 de xaneiro de 2024, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a presentación do libro O PASO EN FALSO do que é autor ABRAHAM PÉREZ.

O acto, primeiro deste novo ano 2024, contará coa presenza do propio autor do libro, Abraham Pérez, e de Miguel Ángel Martínez Quintanar, filósofo e ensaísta.

NOTA_INFORMATIVA_ABRAHAM-PEREZ

Fillas de Cassandra presenta ‘Últimas Dionisíacas’, “un convite ao festexo colectivo e catártico”

Fillas de Cassandra presenta Últimas Dionisíacas, o seu novo directo, “un convite ao festexo colectivo e catártico” que verá a luz o 16 de febreiro en Vigo

A presentación do novo show de María SOA e Sara Faro, no que estarán acompañadas doutras dúas músicas, terá lugar o venres 16 de febreiro ás 22.00h no Auditorio Mar de Vigo e as entradas xa están á venda en www.teuticket.com
Nestas Últimas Dionisíacas, Fillas de Cassandra revisitará os temas máis recoñecidos de Acrópole, o seu álbum debut, desde unha electrónica máis escura e potente, mais tamén dará a coñecer temas inéditos que formarán parte do seu próximo LP


Logo de derrubar a Acrópole e subir aos altares das grandes salas de concertos e festivais do país coas súas letras directas e a forte conexión co público, Fillas de Cassandra bota unha última ollada á polis. Este 2024 o dúo regresa cun novo directo, Últimas Dionisíacas, unha proposta na que demostrará que a mestura entre o tradicional, o pop e o techno ten un efecto catártico. A presentación terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo e as entradas están á venda desde esta mesma mañá a través da plataforma www.teuticket.com 
Fillas de Cassandra, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro, subirase de novo aos escenarios o vindeiro mes de febreiro cunha nova proposta escénica e musical, na que fará unha nova lectura dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. 
Últimas Dionisíacas é un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducirse nunca. Cantos efímeros, revisitacións da Acrópole e parte do que ha de ser o noso próximo traballo discográfico convive nunha única escena atravesada pola luz, a escenografía e moito do in-desvelable”, explica o dúo.

Así, neste novo directo, concibido por Sara Faro e María SOA como un “festexo colectivo e catártico, que só pode acontecer na convivencia entre o público e o palco”, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante. Ademais, entre as novidades da proposta, o dúo estará acompañado doutras dúas músicas (Tania Caamaño e Marina Vidal), apostando así pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

A presentación de Últimas Dionisíacas, a nova proposta musical e escénica de Fillas de Cassandra, terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. A apertura de portas será ás 21.30 horas e o concerto comezará ás 22.00 horas. As entradas pódense adquirir desde esta mesma mañá, desde 18 euros, a través de www.teuticket.com

20240104-NP-Fillas-de-Cassandra-presenta-Ultimas-Dionisiacas