Proxección do documental WELCOME TO MA MAISON no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisualcoa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental WELCOME TO MA MAISON, de Andrés Goteira e Igor Fernández, continuando co CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2022 bríndanos a oportunidade de disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XX PREMIOS MESTRE MATEO

Esta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 25 de xuño de 2022, ás 20:00 horas.

NOTA_INFORMATIVA_WELCOME-TO-MA-MAISON

Tanxugueiras lanzará o seu novo disco o 29 de xullo

O grupo presenta a Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatir os síntomas do tanxumono” ata que o terceiro disco, xa dispoñible en prevenda, chegue as súas mans

O vindeiro venres 24 de xuño, na noite de San Xoán, as pandeireteiras publicarán

ás 00.00 horas en todas as plataformas dixitais o seu novo sinxelo, ‘Seghadoras’

Tanxugueiras xa ten data de lanzamento do seu terceiro disco: o venres 29 de xullo. As pandeireteiras revelan así unha das preguntas máis recurrentes pola súa comunidade de fans, que nos últimos meses tiveron ocasión de escoitar, paseniño, algúns dos sinxelos que formarán parte do mesmo, como ‘Desidia’, ‘Pano Corado’, Averno’, ‘Figa’, ‘Midas’ou ‘Terra’. O novo álbum, que as cantareiras están a avanzar nos directos da súa espectacular Xira Midas, terá a súa presentación oficial nun festival: será o sábado 6 de agosto no marco do SonRías Baixas (Bueu).

No marco deste anuncio, o grupo presenta a Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras,a campaña de prevenda deste terceiro disco e no que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro animan ao público a reservar e apoiar o seu novo traballo discográfico. “Non temos a portada, non temos o nome do disco e, como sigamos así, non imos ter vergoña. Pero se cres que somos un investimento máis seguro que as criptomoedas, xa podes apoiarnos coa prevenda do disco”, sinalan as músicas.

A plataforma é, ademais, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatir otanxumono” mentres que o álbum non chega. “Entre os síntomas máis comúns do tanxumono”, segundo sinalan Olaia, Aida e Sabela, inclúese “o tembleque pandeireteiro nunha das mans ou aturuxar máis de tres veces ao día sen motivo aparente”.

Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, que se pode visitar no espazo web www.tanxuafectadxs.gal, inclúe vídeos con declaracións de afectadas que están a experimentar no seu día a día esta sintomatoloxía. É o caso dunha avoa, dun DJ e xornalista (Carlos Crespo), das ocas de Olaia ou mesmo de Laura, responsable de merchandising de Tanxugueiras. O acceso á prevenda do disco está dispoñible desde a propia páxina web da plataforma ou https://www.lacasadeldisco.es/tanxugueiras-cd-.html


Novo sinxelo na noite de San Xoán

A noite meiga é unha data moi sinalada en Galicia. Tanxugueiras quere celebrar este San Xoán presentando un novo tema para “dar a benvida ao novo, ao lume purificador e deixar atrás malos recordos e cargas innecesarias”. Así, o vindeiro venres 24, a partir das 00.00 horas, Tanxugueiras publicará en todas as plataformas dixitais o sinxelo Seghadoras’, tema que se acompañará dun videoclip que terá, de novo, a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro como protagonistas.

Ao longo desde 2022, o grupo deu a coñecer algunhas das súas creacións que estarán presentes neste terceiro álbum. É o caso das recentemente lanzadas ‘Desidia’ ou ‘Pano Corado’, ademais das xa coñecidas ‘Averno’ (que conta coa colaboración de Rayden), ‘Midas’, ‘Figa’ ou ‘Terra’, temas que suman millóns de reproducións e visualizacións nas plataformas.

O Festival Atlántica leva a Vigo os contos da colombiana Carolina Rueda

·        Rueda, mestra de contadores con máis de trinta anos de experiencia, brindará unha sesión do espectáculo infantil e familiar ‘Contos cantados, cantos contados’

·        O espectáculo será na Biblioteca Pública Juan Compañel este sábado ás 12 horas e terá entrada gratuíta pero cómpre reservar previamente o convite

Os cativos de Vigo van ter a oportunidade de gozar coas historias da colombiana Carolina Rueda, unha das narradoras máis importantes do seu país. O espectáculo familiar ‘Contos cantados, cantos contados’ será na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e chega a cidade olívica grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e mais a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Aínda que a actividade é gratuíta, para asistir cómpre reservar o convite na biblioteca ou ben no teléfono 886 120 445.

En ‘Contos cantados, cantos contados’ Carolina Rueda mestura cantos e historias colombianas e universais. Nun espectáculo divertido e brincador, a contadora establece un dialogo cos nenos e cos pais en homenaxe á memoria, aos medos, á familia e á amizade. Historias da tradición oral caribeña, cashinagua e española alternaranse con contos de Kipling e dos irmáns Grimm, entre outros.

Carolina Rueda ten máis de trinta anos de traxectoria profesional no mundo dos contos pero tamén como impulsora da narración oral como instrumento de xestión e ferramenta social en ámbitos educativos, políticos e artísticos. Como artista adoita realizar adaptacións, obras derivadas e versións libres, de autores da literatura universal e versións de relatos da tradición oral do mundo.

Como xestora e programadora coordina desde 1990 a mostra de contadores do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá. Tamén participa como profesora convidada e regular en programas de adquisición do idioma español como segunda lingua en programas de literatura, educación a distancia e artes escénicas nas universidades estadounidenses de Cornell, Miami, e Denison, pero tamén en institucións de España, Perú e Chile.

Ao longo destes trinta anos de carreira xa pasou por escenarios como a Casa de América, o Teatro Cuarta Parede, o Centro Cultural da Villa, o Círculo de Bellas Artes en Madrid, o Teatro Nacional, o Teatro Leonardus, o Auditorio León de Greiff, o Teatro Municipal de Cali, o Teatro de Bellas Artes Medellín e as feiras do libro de Madrid, Valencia, Torrent, Bogotá e Bos Aires. Alén diso, é unha artista habitual de festivais de narración oral en países como Estados Unidos, México, Costa Rica, Venezuela, Perú, Ecuador, Brasil, Chile, Arxentina, Portugal, España, Francia e, por suposto, Colombia.

Contos por todas Galicia

O Festival Atlántica vaise inaugurar oficialmente o vindeiro 30 de xuño e desenvolverá un intenso programa de actividades ata o 9 de xullo. Ao longo deste encontro internacional de narración oral, 42 artistas protagonizarán as 94 funcións programadas que chegarán a 24 concellos de toda Galicia. Nesta edición, ademais de Vigo, haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne, Zas e Santiago de Compostela.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

20220617-NP-CarolinaRueda_Festival-Atlantica

Andanzas do Suso de Lameliña. TODA UNHA VIDA NUNS SEGUNDOS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

TODA UNHA VIDA NUNS SEGUNDOS

Ao final descargou e menos mal, pensou Roberto, mentres se erguía da cama onde levaba media tarde tumbado e sen folgos, resistindo a base de auga traída da fonte de Castelo. As elevadas temperaturas, próximas aos 35º, e a humidade relativa do aire por riba do 80%  -falou a señorita, malo, díxose.  A señorita era a voz do higrómetro, que viña de dicir: “ la humedad relativa del aire ha sobrepasado los límites recomendados”, fixeran do día unha xornada insoportable, e máximo para el, que tiña un principio de EPOC; os excesos pasados, preto de dous paquetes de Ducados ao día, pasaban factura.

Pero por fin refrescaba algo e era o momento, agora que o día comezaba a declinar, de dar a volta diaria, recomendada pola doutora Sabela: uns dous quilómetros circulares bordeando a vila. Así que, despois de pasar polo baño e levar auga da billa á cara, que máis ca estarricalo o que lle fixo foi engruñalo aínda un pouco máis, do quente que saía, botouse ao camiño.

Os paxariños, agora cantaban alegremente, mesturándose os seus cantos, que tan ben coñecía. Gorrións, paporroibos, merlos, mesmo algún xílgaro amenizaban o paseo, ao que se sumaba o monótono son dos cantareiros grilos agochados nas silveiras. Aínda ben non levaba cen metros, comezou a sentir unha forte opresión no peito, e iso que agora tocaba baixar. Pode que teña que chamar ao fillo, non sei se serei quen de rematar o percorrido, pensou, e mentres dicía isto, levou a man dereita ao bolso do pantalón por ver se tiña o móbil. Alí estaba o vello aparello, de máis de dez anos, que só utilizaba para facer chamadas. Eu desas trapalladas de Internet, guasaps, feisbu, non quero saber nada, son inventos do demo, opinaba.

A duras penas conseguiu chegar ao Polígono Industrial e alí, nun banco, sentou a descansar. Ao intre veulle á mente a súa aldea, na que agora xa só quedaba o Federico e a Josefa, pero que cando el era neno e mozo, estaban habitadas todas as casas, unha ducia delas con preto de cen veciños. El e Manuela, a muller, viñeran había uns quince anos, despois de xubilarse, para a vila, á casa do fillo. O ano pasado por estas datas morrera Nola, así a chamaba; un día sentiuse mal e en menos dunha semana, alá se foi. Custoulle tempo superalo e aínda hoxe non levaba ben a súa morte.

Coma nun filme, empezou a pasar a súa infancia por diante dos seus ollos: el cos seus pais axudando na sega, na malla (era unha das tarefas que máis lle gustaban, xuntábase toda a vila, era coma unha festa), nas patacas, alindando as vacas, na souta, na matanza…  A escola e aquel mestre, do que prefire esquecer o nome, que o único que lles daba eran paus por calquera motivo, obrigándoos a rezar, a cantar  “El Cara al Sol” ou “Prietas las filas” e a beber aquel leite en po, que non había quen o tragase. Despois viñera outro mestre, D. Anselmo; ese si era bo. Rara vez lles tocaba, tiña que ser por un motivo moi grave. Rezaban o mínimo, coma por compromiso, e contadas veces cantaban himnos patriotas, agás que viñese o inspector. Para cando había visita de Inspección, tíñaos ben adestrados para contestarlle o que o funcionario quería escoitar. A D. Anselmo o único que lle preocupaba era que aprendesen a ler e escribir, facer ben as contas e os problemas e que pensasen por eles. Todo o que sabía era grazas a este mestre, a quen lle estaba moi agradecido, ao igual que os seus compañeiros.

Roberto cada vez se atopaba peor, comezou a sentir unha dor na perna esquerda, pero non lle deu importancia, e seguiu enfrascado nas súas lembranzas. Agora víase a carón do río a onde  ía, na compaña dos amigos nunha tarde calorosa de agosto: os saltóns brincando polo prado, os cabaliños do demo zumbando augas abaixo, o canto das lavandeiras… Que ben o tiñan pasado! E, de pronto, viuse mozo, de merenda na romaría do Carme (cando se lle declarou a Manuela), o día da voda, a noite en que naceu a súa filla sen axuda de ninguén (cando chegou a comadroa, preto das catro da mañá, xa nacera Elena), o nacemento do seu fillo Nicolás, co que agora vivía… A dor da perna, de súpeto, pasou ao brazo, unha dor insoportable. Quixo berrar para pedir axuda pero non puido, acabou por caer do banco no chan. Todo o que viña de lembrar e outros momentos da súa vida volveron pasar pola súa mente, apenas uns segundos, e ficou completamente ríxido, cos ollos abertos coma mirando ao infinito.

Alí estivo, uns quince minutos, ata que chegou por alí Petra e o seu neto e atopárono. Un infarto acabara coa súa vida, un ano e dous días após a morte de Nola.

Suso de Lameliña

Presentación do programa completo da 38ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2022

Presentación do programa completo da 38ª edición da MIT RIBADAVIA 2022

Do 15 ao 24 de xullo, Ribadavia porá no centro a escena máis innovadora, con estreas de espectáculos multidisplinares e de gran formato no Castelo, íntimos na Igrexa da Madalena e máis festivos en sete diferentes localizacións nas rúas da fermosa paisaxe do Ribeiro.

Un coherente programa en dez días, con tres coproducións, 21 actuacións, entre as que destacan a estrea e presentación en Galicia do traballo de artistas internacionais de Perú, Portugal, México ou Mozambique, como a prestixiosa directora Chela de Ferrari ou a compañía portuguesa Nome Próprio (con Victor Hugo Pontes e Joana Craveiro).

Por primeira vez en Galicia tamén poderemos ter no festival da teatral vila de Ribadavia os cataláns Xavier Bobés e a compañía La Calòrica ou un dos espectáculos revelación da temporada, La infamia, a partir das memorias da periodista mexicana Lydia Cacho, valente e comprometida activista que loitou contra a violación dos Dereitos Humanos nun país onde exercer o xornalismo de investigación e pelexar contra a corrupción supón unha actividade de alto risco.

A edición de 2022, ademais de recuperación da plena dimensión internacional, tamén concede importancia á dramaturxia galega actual, con traballos dos máis destacados autores e autoras de teatro, coma Esther Carrodeguas ou Ernesto Is. Carrodeguas estreará unha conferencia-espectáculo a partir da tétrica historia de violencia contra as mulleres rapadas do franquismo e Ernesto Is terá protagonismo con dous espectáculos mais a presentación dun libro, o Premio Abrente da pasada edición.

Resituar no centro o que tradicionalmente se deixou nas marxes, ese é o reto da 38ª edición da MIT, que reúne un conxunto de espectáculos que abordan temas ou asuntos relacionados coa marxinación, as súas causas e consecuencias. Un claro exemplo pode ser o espectáculo MARGEM, dos porttugueses Nome Próprio, un espectáculo protagonizado por adolescentes e inspirado nos nenos sen teito, no abandono que sofren os máis vulnerables en San Salvador de Bahía, un impactante espectáculo que mestura música, memorias, experiencias, capoeira, acrobacia, fútbol, danzas urbanas… Un espectáculo que recibiu importantes recoñecementos e premios na súa categoría en Portugal e está a percorrer os escenarios máis importantes de Europa. Chega a Galicia da man da dramaturga Joana Craveiro e do prestixioso coreógrafo Victor Hugo Pontes, inspirado tamén na novela Capitães de Areia, de Jorge Amado.

Esta mestura de música, danza, palabra e imaxe non será o único espectáculo destas características da MIT 2022. Se Margem conta con 12 intérpretes en escena, non é menos numeroso o espectáculo galego Demente, que aborda as enfermidades mentais dende a fusión de música, canto (con Aida Tarrío de Tanxugueiras en escena) e un suxerente deseño de indumentaria. A peza plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento das súas vidas unha de cada catro persoas. A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”… É necesaria a integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma. Estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena. Como se dicía nunha carta dunha persoa “demente” ao director do Manicomio de Conxo nos anos 40: “no son los pobres locos reconocidos los que hacen daño al planeta, sino los grandes locos por reconocer”.

Outro estigma é o das persoas con Síndrome de Down. Por iso abrimos cun gran espectáculo, versión libre de Hamlet que a directora peruana Chela de Ferrari realiza para ser protagonizado por persoas con Síndrome de Down. Unha obra de alta beleza, onde as palabras de Shakespeare cobran un significado inaudito. Dende o humor, dende a emoción, dende a festa, a obra é un tecido entre o texto do bardo inglés e a vida dos actores e toma como punto de partida a pregunta que nos formula fronte á existencia. Ser ou non ser? Que implica ser para persoas que non encontran espazos onde se lles teña en conta? Teatro La Plaza é quizais o teatro máis presixioso de Perú e chega por primeira vez a Galicia cun espectáculo que seguro será unha experiencia memorable.

Viaxamos de Perú a México. No país máis perigoso para ser periodista e activista, hai mulleres que se enfrontan ao crecente poder político da delincuencia organizada. Unha delas é Lydia Cacho, quen desafía a políticos, mafiosos, pederastas e feminicidas. Esta función está baseada na súa biografía, Memorias dunha infamia, onde se retrata o modus operandi dun goberno cómplice da corrupción e a violencia, ademais do valente testemuño de mulleres e nenas do seu país. Un espectáculo inmersivo, do denominado xénero de teatro verbatim, teatro documento con impactante linguaxe audiovisual que pon no centro a unha heroína contemporánea exiliada en España, á que o Goberno lle concedeu recentemente a nacionalidade para acollela como refuxio ante o serio perigo que corría esta periodista de investigación que destapou historias de corrupción do seu país e polo que foi distinguida co Premio Harold Pinter for International Writer Courage no Reino Unido. Desafiou e denunciou a mafiosos, políticos e multimillonarios que abusaron do seu poder. Agora a súa historia atrapa a mirada do mundo, tamén cun espectáculo maxistral.

O teatro de obxectos terá moita importancia, ademais da danza, do teatro de do circo. Teatro de obxectos e formas animadas para adultos, para historias poéticas, de grande beleza e emoción coma as que nos traen Xavier Bobés e Alberto Conejero ou a compañía El Patio, Premio Ojo Crítico de RNE da pasada edición, na modalidade de Artes Escénicas. El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, é a historia dunha promesa que non se puido cumprir, a que fixo un mestre aos seus alumnos. O mestre era Antoni Benaiges. Os alumnos eran os nenos e nenas da escola rural de Bañuelos de Bureba, unha aldea da provincia de Burgos. A promesa fíxoa un día de inverno de 1936.  Prometeulles o mar. Un gran texto do dramaturgo Alberto Conejero. Ademais do espectáculo, Xavier Bobés ofrecerá un curso-obradoiro os días 19 e 20 de xullo na Casa da Cultura de Ribadavia, en colaboración con AISGE e a AAAG. Pola súa parte, El Patio, presenta Conservando memoria na Igrexa da Madalena, como homenaxe a todos os avós. Do mesmo xeito, AMA, da compañía vasca que nos encandilara hai uns anos con Amour en Ribadavia. Esta é unha peza que fala da fortaleza dunhas persoas fráxiles e asustadas. É un canto á beleza épica do coidado mutuo. Do coidado dos nosos anciáns, eses que van morrendo pouco a pouco, levando con eles parte da nosa propia vida. Dúas pezas emotivas, sensibles e de gran beleza para rematar a MIT o 24 de xullo.

A memoria está transversalmente presente en moitos espectáculos, pero quizais o máis evidente é o da revisión dende as preguntas e as respostas que demandan sobre o noso pasado as xeracións máis novas. Iso acontece con A lúa vai encuberta, unha unión temporal de dúas compañías, A Quinta do Cuadrante e Incendiaria, coa que conseguiron o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e receptemente o Premio María Casares á mellor adaptación. En A lúa vai encuberta atoparemos un revisión humorística e crítica sobre un pasado e un momento de construción de soños e frustracións das bases da nosa cultura e da nosa política. Manuel María era un apaixonado por Ribadavia e pola Mostra e no marco desta edición anunciaranse novidades que refrendarán un selo de compromiso con este autor relevante da nosa historia e do noso teatro.

Ademais das novidades, das descubertas, de procurar ser punta de lanza, o festival tamén quere acompañar e ofrecer unha continuidade da evolución de artistas que se deron a coñecer ao longo dos últimos anos na MIT, como a compañía catalá José y sus hermanas. Nesta ocasión chegan cun espectáculo redondo, punzante, coa estrutura dun produto audiovisual retro para falar da burbulla inmobiliaria, do turismo agresivo, da España do desenvolvemento económico, da globalización. Con ironía e crítica, como selo da casa desta nova compañía, presentarán Explore el jardín de los Cárpatos.

Seguramente unha das grandes sorpresas desta edición vai ser descubrir a forza e solvencia da nova compañía La Calòrica, de Cataluña. Chegan cunha versión de Aristófanes, Las aves, unha farsa política desternillante, como a definiu a crítica. Un gran traballo de dramaturxia, de dominio da comedia, de dirección e de vestiario. Unha posta en escena fresca e irreverente para un público amplo que mestura ben os ingredientes que tamén definen á MIT, vangardista e popular, renovadora e exploradora. 

Presentacións de libros, foros despois de cada espectáculo, actividades de mediación coma a terceira edición de “A miña primeira MIT”, O 1º Encontro interxeracional das Artes Escénicas de Galicia, as Residencias Artísticas de Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir, prestixiosos artistas que están a desenvolver o proceso da súa peza “Mónica” entre Galicia e  Bruxelas, converten a Ribadavia na capital por excelencia do teatro en Galicia.

Memoria, humor, beleza onde nos dixeron que non a atoparíamos, revelación, escena híbrida, queer, interxeracional, iso é o que guía a MIT 2022.

A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre o día 15 e o 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia.

PROGRAMA 38ª MIT RIBADAVIA 2022

15-24 XULLO 

PreMIT, previas da MIT

Día 13 // MÉRCORES

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.

Día 14 // XOVES

21:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Presentación do libro Profetas, de Ernesto Is (Premio Abrente 2021).

22:00 – Resolución do 17º Premio Abrente.

Día 15 // VENRES

20:30 Inauguración oficial da MIT 2022. Igrexa da Madalena. Concerto de Sheyla Patricia (Galicia).

21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas e do Premio Abrente de Textos Teatrais 2022.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Hamlet – Teatro La Plaza  – Perú.

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Chela de Ferrari, directora. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 16 // SÁBADO

20:00  – Igrexa da Madalena – Mónica – Federico Vladimir e Pablo Lilienfield – Galicia. Residencias Paraíso.

21:00 –  Alameda (Ruadavia) – Sofá –  Marta Alonso Tejada, en coprodución coa MIT de Ribadavia – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Las aves – La Calòrica – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joan Yago, dramaturgo. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 17 // DOMINGO

20:30 – Igrexa da Madalena – Rapadas – Esther Carrodeguas – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – La infamia – Teatro Español e Producciones Come y Calla – Madrid.

00:30 – Foros MIT. Coloquio con José Martret, director. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 18 // LUNS

20:30 – Sampaio – Arte sen guión – Galeatro – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Demente – Cía. Fran Sieira – Galicia. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.Museo Sefardí.

Día 19 // MARTES

20:30 – A Franqueirán – Arte sen guión – Galeatro – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Margem – Nome Próprio – Portugal. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joana Craveiro e Victor Hugo Pontes. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 20 // MÉRCORES

20:30 – Francelos – POI – D’Es Tro – Illas Baleares. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Explore el jardín de los Cárpatos – José y sus hermanas – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 21 // XOVES

20:00 – Igrexa da Madalena – Relato para un incendio – A Antena, en coprodución co CDG e a MIT – Galicia.

21:30 – San Cristovo – Meeting Point – Ertza – País Vasco. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 –Auditorio “Rubén García” do Castelo – El mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca – TNC, Xavier Bobés e FITT de Tarragona – Cataluña. 

00:30 – Foros MIT. Coloquio con Xavier Bobés e Alberto Conejero. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 22 // VENRES

20.00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura. Presentación do libro A lúa vai encuberta, de Manuel María.

21:30 – Santo André – O tempo diz – Ertza – País Vasco e Mozambique.  (Programa SputMIT – satélites da MIT). 

23:00 –  Auditorio “Rubén García” do Castelo – A lúa vai encuberta – Incendiaria e A Quinta do Cuadrante – Galicia. 

00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Vanesa Sotelo e Tito Asorey. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Día 23 // SÁBADO

13:00 – Igrexa da Madalena. Presentación do libro O péndulo.

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Quixote – Pedras de cartón – Galicia. 

23:00 –  Auditorio “Rubén García” do Castelo – O péndulo – Inversa Teatro, en coprodución co CDG, a MIT de Ribadavia e a Deputación de Pontevedra – Galicia.

00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Marta Pérez e Ernesto Is. Museo Sefardí.

Día 24 // DOMINGO

19:30 – Museo Etnolóxico – 1º Encontro Interxeracional das Artes Escénicas de Galicia.

21:00 –  Igrexa da Madalena – Conservando memoria – El Patio – La Rioja.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – AMA – Cía. Marie de Jongh – País Vasco.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

NOTA-DE-PRENSA-presentacion-programa-38MIT-2022