OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: De catro a catro. Manuscrito orixinal

Autora: Manuel Antonio

Editorial: Alvarellos Editora

Ano de publicación: 2021

Eu que son de terra, que se me perdeu no mar? Coido que, talvez, un anaco de corazón. Calquera que ame esta terra está mirando para o mar de vez en cando, está lanzando preguntas a un horizonte.

Tras o triste acontecemento do naufraxio do “Vila de Pitanxo” en augas de Terranova decido acudir á poesía, á nosa poesía de mar –o sal sandando asferidas. Leo, así, poemas de Antonio García Teijeiro, Manuel Rivas ou Elvira Ribeiro e é como chorar sobre auga, conmoverse a sabendas que nada podemos mudar, abrazándonos a esta fraxilidade que nos define. Porén, o salto cronolóxico vén da man de Manuel Antonio. De súpeto, aparece coma un faro e volvo a De catro a catro. Desta vez fágoo nunha fermosísima edición, coidada até o detalle, de Alvarellos. 

Case un século despois da súa saída ao prelo, De catro a catro. Follas d’undiario d’abordo segue estando de plena actualidade. Mudaron as estradas, os ferrocarrís, mais o mar non tanto. Quizais porque el mellor que ninguén pode presumir de indomábel. E nas páxinas deste poemario, empapadas aínda envangarda, atopamos a soidade, o medo, a calma, a admiración que provoca este xigante. Até as notas que o autor deixa estratexicamente apartadas do poema amosan unhas imaxes potentísimas, que nos revelan que a poesía,cando realmente o é, perdura nos límites do tempo. Velaquí un exemplo:

O mar adentro é unha illa d’auga

rodeada de ceo por todas partes”.

Non veño a descubrir nada, a crítica xa salientou no seu día o valor da edición deste manuscrito. Tan só detéñome neste oasis, e convido a que se deteñan,para lembrar a figura de Manuel Antonio e a aqueles que perderon a vida no mar.

Presentación do libro UNHA ETAPA ESTELAR E CONFLITIVA DE GALIZA, de Francisco Rodríguez, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 5 de marzo, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María, o escritor, crítico literario e historiador da literatura galega, Francisco Rodríguez, presenta a súa obra Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV), concretamente o Tomo I, que vén de saír do prelo, que leva por título “A relevancia do reino galego medieval”. Un libro que non deixará indiferente a ninguén. 

A contracapa do libro salienta o seguinte: 
Este libro sobre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza e a crise da segunda metade do século XIV responde a un afán por combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións sobre el. É, en certa maneira, un traballo a favor da saúde mental colectiva da sociedade galega. Xurdiu da necesidade de colaborar a un coñecemento sobre a nosa historia, entre os séculos VIII e XIV, radicalmente confrontado coa ocultación e terxiversación do oficial dominante. É, pois, unha visión crítica do estado da cuestión e unha proclama a favor de descubrir o oculto ou manipulado. O autor faino, analizando, debatendo e tirando conclusións, desde a historiografía oficial e académica e desde as fontes documentais existentes. Tamén desde a importante, malia ser considerada con frecuencia, historiografía que se ten esforzado xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, para así mellor construír unha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e do españolismo, despois.

Este Tomo I céntrase en evidenciar esa relevancia incuestionábel, para logo (Tomo II) entrar na análise dun momento estelar e conflitivo, segunda metade do século XIV, cuxo desenlace tivo transcendencia para o noso futuro.

Para asistir a esta actividade, é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.