Este sábado, 29 de xaneiro, ás 20 hrs, preséntase, na Casa-Museo Manuel María, “Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte”, do mindoniense e profesor emérito da Universidade de Oviedo, Antón Meilán.
Esta obra, que ten como finalidade contextualizar e dar a coñecer dunha maneira divulgativa os feitos que decorreron na fortaleza de Caldaloba ou Vilaxoán e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza, insírese nunha serie de accións e actividades que veñen desenvolvendo máis de vinte entidades da Terra Chá e concellos limítrofes, sob a lenda “Caldaloba. Recuperarmos o noso Patrimonio. Recuperarmos a nosa historia”, coas que reivindican á administración galega que a torre pase a propiedade pública e que se leve a cabo a recuperación e posta en valor dun ben que ten un valor histórico e simbólico importantísimo para a descuberta dun capítulo transcendental da historia de Galiza, frecuentemente agochado e negado.
Na presentación, alén do autor, estará presente o estudo e divulgador do patrimonio da Terra Chá, Orlando Viveiro. As persoas asistentes recibirán gratuitamente un exemplar e para asistir é necesario anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.