por Beatriz Dourado | Ene 31, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Mexique. El nombre del barco
Autora: María José Ferrada
Editorial: Libros del Zorro Rojo
Ano de publicación: 2017
Coido que as persoas que xa cumprimos a maioría de idade –algunhas hai tempo- deberiamos volver con máis asiduidade aos álbums ilustrados. Porén, non coma unha moda que se nos impón desde as diferentes xanelas dixitais. Cando falo de volver é co propósito de recuperar algo noso. Algo que, talvez,necesita espertar de novo.
Despois de ler e contemplar –porque non deixa de ser unha obra de arte, cunhas ilustracións fermosísimas de Ana Penyas- Mexique, aínda fico conmocionada. Non teño reparos en manifestar que é a primeira vez que leo a María José Ferrada, autora que nos achega unha prosa poética dunha calidade incuestionábel. Mais non será a última que a lea.
A historia deste barco repleto de crianzas, tal e como se aprecia na portada, forma parte dunha das etapas máis escuras do século XX. Tras a guerra civil, unha gran parte dos fillos e fillas de republicanos españois embarcaron neste navío rumbo a Morelia (México), onde tiveron grandes dificultades para sobrevivir.
Este é, polo tanto, un libro cun final triste, coma moitos dos episodios da nosa realidade. Sálvao a beleza. A beleza sempre nos salva.
“El mar es un lugar
que no termina nunca”.
por Patricia Torrado Queiruga | Ene 31, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, DEMIURXIA, Literaria
DEMIURXIA
Patricia Torrado Queiruga
DE TETAS E GUERRAS
Ao longo dunha semana pasan moitas cousas, e moitas máis pola nosa mente. Pero acontece que son as nosas sinapses cerebrais as que as acompasan, as que as vencellan, as que lle atopan ou non sentido. E estas gafas violetas que desque as puxen quedaron incrustadas na retina destes ollos. Atopar dentro do espello unha realidade que queren que fagamos nosa, anulando o aturuxo propio que nos sae de dentro. Esta semana descubrín que nun cadro médico ás mulleres podemos falarlles sen rubor de “saúde feminina” e englobar dentro dela a saúde meramente reprodutiva, porque para iso estamos non, diría a Bandini, para enxalzar as Mammamammmamás!, as que portan tetas, para aleitar, ou para crear beleza, para parapetar tras dun sostén ríxido, porque as tetas caídas fan feo. E non é porque a humanidade teña xerontofobia no día a día, ou si? Preguntémonos cantas artistas se viron apartadas dos focos non porque carecesen de talento, senón porque tiñan xa demasiados anos para unha sociedade que só nos ve como corpos, obxectos, fornos reprodutivos e seres sexuados e pérfidos. Volvendo de novo a un arcaísmo medievalista, no que ou se é virxe, nai, monxa ou abnegada avoa ou se é puta, desleixada, mala muller, solteirona, libertina ou bruxa. Porque o que se escapa aos patróns desta sociedade patriarcal, controladora e paternalista non ten caso. Señora e señore, hai que ser reina, dura, Bugatti e traer loquito aos daddies.
E descubrín tamén que se ás mulleres se nos pode falar de saúde reprodutiva, a eles non, porque “como se che ocorre falarlle de disfunción eréctil?” Xentiña, isto non vende, que ha vender. Eles non teñen problemas físicos, os problemas son nosos, e o capitalismo pónnolo moi sinxelo, sosténs, corsés, faixas,… todo aquilo que poida poñer todo moi grande, moi duro e moi… guerreiro. Esa é outra, porque existen unha variedade de machos Alfa dispostos a medila que é abraiante, sexa Biden, sexa Putin a cuestión é medir… pero non os intelectos; a ser posible algo máis físico, pero resulta que non nos vén ben atoparnos para ollar o que colga entre as pernas, non se preocupen que sempre poderemos medilas mesmo na distancia, saquemos o armamento que haberá quen o aplauda. E mentres xs que aínda gardamos algo de amor propio, de amor pola terra, pola memoria, polo papel da muller na historia sabemos perfectamente que hai idiomas que inventaron os afectos, os coidados, as orixes e que non hai aturuxo coma a liberdade, nin nada tan valioso.