Parladoiro con… PATRICIA TORRADO QUEIRUGA

A cultura en si mesma é aprendizaxe, crítica, o malo disto é que para sermos críticxs co que nos rodea temos que facer aquilo do “Sapere aude”, aprender a pensar por nós mesmxs e iso carrexa grandes doses de responsabilidade, esforzos e mesmo frustracións que hai que aprender a xestionar.

1. Se tiveses que escoller algún adxectivo co que definirte, ¿cal non utilizarías nunca?

Aburrida, convencional

2. Navegas polo eido do microrrelato con certa fluidez, aínda que tamén percorres os sendeiros da poesía. Cal aviva máis a túa paixón creadora e creativa?

Hai días que navegho e outros que me deixo ir á deriva. Hahahaha

Din por aí que non se debe escribir coas vísceras, que hai que ser reflexiva, que ten que pasar a quentura e asentar o proceso e as ideas. O meu impulso primixenio sempre é visceral.  Ás veces, acontece que tanto poesía como narrativa ou microrrelato van estruturados, nacen cun fin, cunha liña argumental clara; outras veces, sen máis, unha comeza a escribir e déixase levar. Non deixa de sorprenderme este proceso, porque cando rematas, a maior parte das veces non é tal e como o pensaras nun primeiro momento, o fío argumental muda como mudan os días, os sentimentos e a propia vida.

3. Democratizar a cultura ou popularizar a mediocridade? Se cadra é unha obviedade, mais agradecería a túa reflexión sobre esta dicotomía que vai in crescendo.

A mediocridade é aburrida, e eu non son unha persoa aburrida e moito menos á que lle guste aburrirse. Encántame a xenialidade, o sorprendente, e iso ten que ser a cultura, algo que nos sorprenda día a día. Algo que descubrir e que nos descubra a nós mesmxs —que nos faga reflexionar, unha vez, dúas ou unha vida enteira—. Se popularizamos a mediocridade cando imos decatarnos de que estamos ante unha grande obra de arte?

A cultura en si mesma é aprendizaxe, crítica, o malo disto é que para sermos críticxs co que nos rodea temos que facer aquilo do “Sapere aude”, aprender a pensar por nós mesmxs e iso carrexa grandes doses de responsabilidade, esforzos e mesmo frustracións que hai que aprender a xestionar.

Ao longo da pandemia vimos que a cultura foi a responsable de facer que nos arrepuxésemos ante o encerro, músicos agasallándonos coa súa arte, escritorxs lendo a súa obra online, pintorxs con titoriais,… de súpeto, todas aquelas materias que a moitxs lle pareceran banais no instituto cobraban sentido, collían forza e unha vez que puidemos saír á rúa e concentrarnos en buses e metros, en terrazas, praias,… a apertura dunhas cousas, significou o peche sen sentido de salas de exposicións, de teatros, de salas de concertos, cines,… inda que reducisen capacidade, inda que levásemos máscara. Foi tirar pola borda o terreo conquistado nese mes, neses dous meses.

4. Que supón para ti a consecución dun galardón literario?

O respaldo de sentir que non popularizas a mediocridade. O pulo de saber que o que fas serve para algo máis que para gardar nun caixón.

5. Como lecturas, ¿que clase de literatura te apaixona máis? E por que?

Nunca escollín. Leo teatro, poesía, ensaio, narrativa, novela, contos infantís,… Porque preciso de todas esas lecturas para vivir.

6. Saltando esa tópica expresión de “escribir desde nenxs”, ¿que buscas co proceso da escritura literaria?

O proceso da escritura literaria é tan fermoso que cun simple lapis e unhas cantas follas en branco permíteche viaxar por todos os mundos posibles, ser todo o que se desexa, vivir outras vidas, noutras peles e, sobre todo, esconxurar os males. Así foi como naceu en min, ata os dezaseis fun unha persoa tímida de xeito infinito e os males esconxurábanse por escrito, o meu carácter mudou en parte, pero o vicio da escrita segue sendo irrenunciable.

7. Cres que a lingua galega está en perigo de extinción?

Se seguimos vilipendiándoa, seguro. Decote, as cousas en perigo de extinción cóidanse con maior mimo, como cousas sacras que cómpre salvagardar, e isto non está pasando. O galego non é só unha lingua, é unha cultura, un sentimento, unha terra, unha historia, dándolle as costas dámonos as costas a nós mesmos.

Teño que recoñecelo, agora que estamos aquí, a peito aberto; hai algo en min que se retorce cando vexo a avoas que toda a vida falaron galego, que criaron xs fillxs en galego que agora lle falan xs netxs en castelán, e… nese castelán que nunca antes pronunciaron porque se lles falan a lingua nai séntense de menos. Que problema tivemos nunca xs galegxs en expresarnos nunha lingua, a nosa, e noutras? Fomos carne de emigración, fomos país de acollida, capital cultural, lingua rexia e lingua do pobo. Hai algo do que avergoñarse?

E por riba temos unha lingua tan rica, con tantos matices, con tantas verbas para designar o mundo que non se poden traducir a outras linguas, que sería unha mágoa deixala morrer cando podemos vela florear e gozala en todo o seu esplendor.

8. Se temos que combater con maior contundencia o machismo, ¿por que aínda boa parte das institucións culturais da Galiza seguen estando comandadas por homes? Será por causa do persistente paternalismo cultural?

Esa é unha pregunta interesante. Será que hai moito “non machista” da boca para fóra? O paternalismo non é só cultural, é social, permeable dende arriba a abaixo.

Algunha vez contastes cantas mulleres e cantos homes forman parte do pleno da RAG? A cantos homes e a cantas mulleres se lle ten dedicado o día das Letras Galegas? Hai homes cunha soa obra escrita moi ben considerados dentro da literatura galega, e hai mulleres con mancheas de obra publicada das que hai quen non oíu falar nunca.

A erradicación do machismo ten que ser un feito a todos os niveis, e para iso fai falla valorar a toda a poboación non polo seu sexo senón polas súas capacidades, estamos dispostxs? Para iso fan falla grandes doses de responsabilidade, actitude crítica e mente aberta.

9. Por que, de modo xeral, non se pode vivir do oficio de ser escritora? Que falla para que a arte, nos seus distintos formatos, non sexa o suficientemente valorada polo público receptor da mesma?

A xente adoita pensar que escribir escribe calquera, que os libros son caros, que non merece a pena ler,… por iso nunca viviremos da escrita.

Vouche contar a miña historia. A miña carreira en Filosofía saíume do lombo toda ela, non sendo o primeiro ano. Fixen tortas, biscoitos, madalenas a compañeiras e compañeiros, fixen broches, toucados, acuarelas e dei clases particulares para poder pagala, ata escribín discursos de voda. Curiosamente, houbo xente do meu entorno que coidaba que podía pedir estas cousas de balde polo mero feito de estar dentro do circulo de amizades, ou porque simplemente “iso a ti non che custa nada”. Por que non se valora o traballo que provén das artes, das habilidades, da escrita? A min non se me ocorre ir onda a miña amiga óptica, a dentista, a enfermeira e dicirlle que fagan o seu traballo de balde.

Que fai que a entrada a un museo, un libro, un CD, un concerto nos pareza caro, pero non a visita ao dentista, á perruquería, a un restaurante? Quen non valora o traballo dunhas e doutros por igual debería facer que llelo mirasen.

10. Quedaron moitas preguntas no tinteiro; daquela, formula ti mesma unha e respóndea

En que lugares te perderías?

No Arquivo secreto do Vaticano,  na Biblioteca de Coimbra  ou na Biblioteca do Trinity College. En calquera enclave natural galego, nos seus pobos, nas súas cidades, nas súas aldeas. Pero teño que confesar que hai un lugar ao que sempre volvo, no que adoro perderme, Florencia.

Concerto de Margarita Viso e Juan Durán, sobre a obra para piano a catro mans de Marcial del Adalid, na Casa-Museo Manuel María

Coincidindo co 140 aniversario do pasamento do compositor galego Marcial del Adalid, o dúo integrado por Margarita Viso Soto e Juan Durán Alonso interpretarán este sábado 24 de abri, ás 19 hrs, na Casa-Museo Manuel María, a música escrita por Adalid para piano a catro mans. O programa será o seguinte:

Primeira parte
3 Marches
1/ Do menor
2/ Mi b maior
3/ Re menor

Sonate nº 1:
1/ Allegro moderato
2/Scherzo
3/Andante. Arietta
4/Rondó

Segunda parte
Sonate nº 2:
1/ Allegro brillante
2/Minuetto
3/Intermezzo cantabile
4/Rondó gracioso

Juan Durán é considerado pola crítica e público como o máis importante compositor galego da súa xeración, cun catálogo no que a ópera e a música sinfónica conviven cunha importantísima produción de música de cámara e lied, ademais de infinidade de orquestracións de música galega.A súa obra soa con frecuencia por todo o mundo, desde Europa a EE. UU, baixo a dirección de grandes batutas do noso tempo, como Vanska, Mena, Víctor Pablo ou Gómez-Martínez entre outros. Nomes como os de Elina Garança, Gallardo- Domâs ou o mesmo Orfeón Donostiarra cantaron moitas das súas creacións mentres a súa música de cámara foi interpretada e levada ao mundo do disco por agrupacións como Zoar, Hércules Brass ou o Grupo Instrumental Século XX.Entre outros moitos premios, Juan Durán conta co Premio dá Cultura Galega 2013 e co Premio Reina Sofía 2018. É ademais membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes e da Academia da Música Valenciana.

Margarita Viso realiza estudos no Conservatorio Profesional de Música e Declamación de A Coruña. De piano con Jeannette Romero, de harmonía e contrapunto con Rogelio Groba. Amplía coñecementos con Mª Luisa Nache (canto), José Ferrer (trompa), Carlos López García Picos (composición), Eva Alcázar, Edith Picht-Axenfeld e Noemí Novara (piano).Como compositora é autora de diversas obras de cámara e para voz e instrumentos. Pertence á Asociación Galega de Compositores. A súa actividade como pianista acompañante incide principalmente no repertorio da música galega e española.Como musicóloga ten investigado sobre compositores galegos principalmente, destacando os seus traballos sobre Marcial del Adalid e José Baldomir. Pertence á Sociedad Española de Musicología e á Irmandade da Música Galega.Crea a editorial VISO (1997) adicada á publicación de música de autores galegos.Profesora de Solfexo e Teoría da Música (Madrid 1985), e Pianista Acompañante (A Coruña 1998), desenvolveu o seu labor docente nos conservatorios de Zaragoza, Ponferrada e A Coruña. Xubilada no 2017.En novembro de 2020 recibe o Premio da Crítica de Galicia, na sección de música.

É imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whataspp 698177621. Billete: 5 euros.

IESCHA.- Acto conmemorativo dos 90 anos da proclamación en Vilalba da Segunda República

CONMEMORATIVO DOS 90 ANOS DA PROCLAMACIÓN EN VILALBA DA II REPÚBLICA-SÁBADO 24 DE ABRIL DE 2021-12:00 – TEMPLETE PRAZA DA COSNTITUCIÓN DE VILALBA


O Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA, en colaboración co alumnado da Escola Municipal de Teatro e o Concello de Vilalba, celebrará un acto conmemorativo dos 90 anos da proclamación en Vilalba da Segunda República. Terá lugar o día 24 de abril, sábado, ás 12 da mañá, e desenvolverase no templete da Praza da Constitución -se fixese mal tempo levarase a cabo na Casa da Cultura-. En calquera caso, cumprirase estrictamente coa normativa anti-covid estipulada por mor da pandemia; deste xeito, dende o IESCHA, seguiremos apostando unha vez máis polo lema:“A cultura é segura”.
Foi o 14 de abril de 1931 cando se proclamou a Segunda República española; en Vilalba, uns días máis tarde, exactamente o 24 de abril, celebrouse a proclamación oficial da instauración do novo Réxime.
No último Caderno de Estudos Chairegos – publicación bienal do IESCHA, que vai polo número 10- Carlos Gómez Osa analiza polo miúdo a xeira republicana e a represión franquista na capital da Terra Chá no traballo titulado: “Vilalba: A política na República e a represión franquista”.
Nel figura que “O día 24 de abril (de 1931) realízase no salón de actos da Casa Consistorial a toma de posesión da Comisión Xestora, da que forman parte José Carballeira e Francisco Roca, do comité republicano e Domingo Gayoso e Manuel Taboada, do comité socialista”.
A prensa de entón publicou que “En medio de un gran entusiasmo izose la bandera tricolor en el balcón del Ayuntamiento a los acordes de la Nueva Lira y entre el disparo de potentes bombas. Varios vecinos hicieron uso de la palabra (…) En la Casa Consistorial ondearon durante nueve días las banderas republicana y gallega”.

Velaquí a nota informativa de tal actividade.

Ton Arenas, de Mircromina Teatro de Títeres, representa GYROVÂGUS, este sábado na Casa-Museo Manuel María

TON ARENAS, DE MIRCROMINA TÍTERES, REPRESENTA ESTE SÁBADO, ás 17 hrs, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, “GYROVÂGUS”

O tiriteiro mindoniense Ton Arenas, da compañía Mircromina Teatro de Títeres, representa este sábado, día 17, ás 17 hrs, na Casa-Museo Manuel María, o seu espectátulo “GYROVÂGUS – Varietés Rural”.

A peza dirixida para público infantil e familiar e con elementos de monicreques de luva, “varilla”, fíos e ritmos percutidos en directo, constrúe unha ollada da vida dun navegante que chegado de lonxe atraca nun pequeno porto da Mariña. Serán Raio, un lobicán, Antolín, un bailarín, e o Propietario, as personaxes da terra que coa súa natureza e comportamento tracen o destino do nauta nesta simpática aventura.

As persoas interesadas en asistir teñen imprescindibelmente que reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.

Conferencia ‘RICARDO CARVALHO CALERO e o galego que poderia ter sido, e há de ser!’, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa programación cultural prevista para este ano 2021, organiza o venres 16 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, unha conferencia a cargo de MARCOS SAAVEDRA, responsábel da Biblioteca Municipal de Vilalba, e que leva por título: Ricardo Carvalho Calero e o galego que poderia ter sido, e há de ser!

Presentará ao conferenciante a presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro.
Este acto estaba previsto para o mes de maio do pasado ano, coincidindo co Día das Letras Galegas 2020 e dedicado ao autor ferrolán, pero, debido ás restricións sanitarias derivadas da pandemia, tivo que ser adiado.

Adxúntase nota informativa de dita conferencia.