O Galician Film Forum de Londres estrea en liña ‘Eroski Paraíso’ para todo o mundo
● A organización londiniense estrea formato en liña por mor da pandemia coa proxección de ‘Eroski Paraíso’, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron
● A película estará dispoñible os días 27, 28 e 29 de novembro para todos os países agás España, onde Filmin ten a exclusividade
O Galician Film Forum (GFF) de Londres segue a promocionar o audiovisual galego malia as restricións impostas pola pandemia. Xa que logo, a organización vai retomar as súas proxeccións pero desta volta na modalidade en liña e vaino facer coa estrea internacional de ‘Eroski Paraíso’ na plataforma Vimeo On Demand. Así, os días 27, 28 e 29 de novembro a película de Jorge Coira e Xesús Ron vai estar dispoñible para todo o mundo na devandita web agás no caso de España, onde se pode atopar en Filmin. No que respecta ao percorrido internacional de ‘Eroski Paraíso’, a película só foi proxectada na sección oficial do Festival Cinespaña de Toulouse alén de en España.
O filme vai estar en versión orixinal con subtítulos en galego e o aluguer por 48 horas terá un custo de 3,95 €. Toda a recadación vai ir destinada aos creadores da película. Con esta actividade o GFF retoma a súa actividade, interrompida polo lockdowm imposto no Reino Unido, que impediu a proxección desta película o pasado abril nun evento que ía contar coa presenza in situ da actriz protagonista, Patricia de Lorenzo.
Precisamente, tanto de Lorenzo como Jorge Coira vanlles dar continuidade ás habituais conversas que se establecían logo das proxeccións físicas coa preparación dun vídeo onde responderán as preguntas e os comentarios que o público envíe durante estes días a través das redes do Galician Film Forum.
‘Eroski Paraíso’ está baseada na obra teatral homónima da compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014). Logo dunha xira por España e de máis de 30.000 espectadores, os directores Jorge Coira e Xesús Ron convertérona nunha longametraxe. Nela nárrase a rodaxe dun documental que Álex (Cris Iglesias) está filmando nun decorado onde se superpoñen a antiga discoteca Paraíso, na que se coñeceron os seus pais, Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira), e mais o actual supermercado Eroski. O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Na última edición dos Mestre Mateo a película acadou o premios á Mellor Actriz e Mellor Actor para de Lorenzo e de Lira. Tamén gañou o Premio á Mellor Longametraxe Galega no Festival Primavera de Cine de Vigo.
Galician Film Forum
O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.
Entradas: https://vimeo.com/ondemand/eroskiparaiso