MONDOÑEDO é POESÍA (virtual) 2020. MONDOÑEDO é… LUZ

MONDOÑEDO é POESÍA (virtual) 2020

MONDOÑEDO é… LUZ

1 de maio, 16.00h.: https://www.facebook.com/mondonedoe/

A sétima edición do recital poético-musical Mondoñedo é poesía vai ser, ten que ser por forza, virtual. Será como sempre foi, o 1 de maio, Día das Quendas, mais desta as rúas, prazas e auditorios mindonienses teremos que imaxinalos, cadaquén acomodado alí onde se confinen as nosas vidas pero coa certeza de que os versos e as músicas que nos van ofrecer máis de dúas ducias de poetas veñen repositivados de alivio e boa saúde.

Nunca imaxinamos un recital nun escenario infectado de todas as ausencias, nunca que se lles negase aos versos, como en tantas ocasións nas edicións pasadas, o aplauso entusiasta dunha audiencia fiel e numerosa á que lle estaremos por sempre agradecidos. Poden estar seguros que ningún virus, nin este Covid-19 nin outro capaz de enfermar o mundo, poderá matar a poesía.

MONDOÑEDO é… LUZ

Esta edición vai dedicada a Luz Pozo Garza, in memoriam

Luz Pozo Garza quixera estar e estivo dalgunha maneira no Mondoñedo é poesía 2015. Daquela, dous días antes da data, unha circuntancia persoal impediullo. Agora, tamén en vésperas como en 2015, un contratempo acontecido o pasado día 20 de abril quixo interpoñerse e negarlle a Luz Pozo a posibilidade de acompañarnos.

Desta, equivocouse o deus do destino. Luz, que é e sempre será poesía, vai estar na nosa memoría, vai ser a Luz que ilumine intensamente esta edición tan extraña e insospeitada.

MONDOÑEDO É POESÍA (VIRTUAL) 2020

Neste edición interveñen 26 creadoras e creadores, poetas e músicos como Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Caxigueiro, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Miriam Ferradáns, Antonio García Teijeiro, Montserrat González, Mª Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda, Juan Carlos Mestre, César Morán, Carlos Negro, Olga Novo, Toño Núñez, Lois Pérez, Henrique Rabuñal, Baldo Ramos, Manuel Rivas, Iván Siso Calvo, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga, Eduard Velasco e Ana Vila Portomeñe.

AGRADECEMENTOS

Acompañarán as lecturas dos poemas e interpretacións musicais, imaxes coa lembranza dos carteis e publicacións que ilustraron as seis edicións anteriores en agraecemento aos colaboradores gráficos Alicia Puchades, Caxigueiro, Nachok, Ernesto González Torterolo, Xosé Vizoso, Antón Caxoto e J. Pedro Gómez.

E tamén servirá de agradecemento ao profesorado e alumnado da escola Municipal de Música ‘O Pallarego’, ao do CEIP Álvaro Cunqueiro e ao do IES San Rosendo que sempre se volcaron no deseño e montaxe dos marabillosos ‘tendais de poesía’, a Luz Galocha, Mª Paz Rodríguez Silva e Francisco Piñeiro, pola entrega amiga e xenerosa, á Asociación As San Lucas e aos máis de cen nomes de homes e mulleres que nos regalaron o seu talento nestas 7 edicións de Mondoñedo é poesía, que este ano, quere ser, vai ser, será por sempre, sobre todo, LUZ.

Data de emisión: venres, 1 de maio, ás 16:00h.

Canlehttps://www.facebook.com/mondonedoe/

Colectivo Mondoñedo É…

Mondoñedo, 30 de abril de 2020

MONDOÑEDO É POESÍA (virtual) 2020

MONDOÑEDO É POESÍA (virtual) 2020

MONDOÑEDO é… LUZ (a Luz Pozo Garza, in memoriam)

A 7ª edición do recital poético-musical vai ser, ten que ser por forza, virtual.

Data de emisión: Venres, 1 de maio, ás 16:00h.

Con Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Marta Dacosta Alonso, Alicia Fernández, Antonio García Teijeiro, Míriam Ferradáns, Montse González Alvarez Magadán, María Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda Longarela,  Juan Carlos Mestre, César C. Morán Fraga, Carlos Negro, Olga Novo, Toño Núñez, Lois Pérez, Henrique Rabuñal Corgo, Baldo Ramos, Manuel Rivas, Iván Siso Calvo, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga, Eduard Velasco e Ana Vila Portomeñe.

Reserva a túa localidade: https://www.facebook.com/mondonedoe/

Convocatoria do IV PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE

O Insituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia convocan o IV Premio AGUSTÍN
FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade
, de
acordo ás seguintes


BASES
Primeira.
Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que
presenten narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de
xénero, raza, nacionalidade…
Segunda.
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros.
Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables
segundo a lexislación vixente.
Terceira.
A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que se reserva os dereitos de edición da obra premiada nos 1.500 primeiros exemplares.
Entregaránselle ao/á gañador/a 30 exemplares.
Cuarta.
A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por
cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4.
Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.
Quinta.
O prazo de presentación de orixinais comezará o 23 de abril de 2020, Día
Internacional do Libro e prolongarase até o día 12 de xullo de 2020 (cuarto
cabodano de Agustín Fernández Paz).
Sexta.
O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio cultural.
Emitirá o ditame, que será inapelable, na última semana do mes de outubro
de 2020.
O xurado poderá declarar o premio deserto.
Sétima.
A entrega do premio terá lugar nun acto do que se dará conta
oportunamente.
Oitava.
Os orixinais remitiranse a:
IV Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade
INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS
Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura)
Apartado de Correos , nº 39
27800 Vilalba (Lugo)

Novena.
Os orixinais non premiados poderán recollelos os/as respectivos/as autores/as no local do Instituto de Estudos Chairegos (Casa da Cultura de Vilalba) durante un período máximo dun mes despois do ditame do premio. Os que non se recollan nese prazo serán destruídos.
Décima.
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

CONVOCATORIA DO IV PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE

ENTREGA DE TRABALLOS, DO 23 DE ABRIL AO 12 DE XULLO DE 2020

Enlace ao díptico e nota informativa da convocatoria de dito certame.

CONFLITO, por Miguel Díaz

CONFLITO

Miguel Díaz

No cruel conflito sen fin

que eu non comprendía

xoguei partidas alleas

moi afastadas da poesía…

No ignoto mantel usado

que outros estenderan

fun tecendo un bombardeo

no que, adoito, resistía…

Vagaba por terras adversas,

na lameira da guerra eterna,

e tremía fero ante o estrondo

de ataques que imaxinaba…

Ignorante da miña esencia

atravesaba a cegas o mundo,

perdido nunha realidade

que sempre me abafaba…

Os brazos do medo erguían

muros que me afastaban,

abrían trincheiras na lama,

preparaban dura coiraza…

As mans incomprendidas

deambulaban perdidas e núas

pola curvatura das balas,

polas súas puntas afiadas…

Bloqueado no campo de batalla

asumía as culpas da desfeita

mentres a tristura me cravaba

os seus dentes insaciables…

Ruín desencanto medraba

alimentado por inxustizas

e soñaba unha comprensión

que comigo non acadaba…

Pero quixen seguir camiño

e construíndo polo porvir

quixo a vida agasallarme

a tregua nunha mirada…

Mais a guerra non rematara

e entendín o fin inevitable

e vinme de novo na loita

pero ferido e desarmado…

E nunca deixei de amar

a paz que tanto ansiaba

e que me mantiña en pé

rebulindo nas vísceras…

Hoxe atopo respostas

onde sempre me agardaron,

na cerna que me sostén

e que calada me forxaba…

Pero aínda sinto o verso

dun sorriso que me agarda

e comezo un camiño novo

na diferenza que acepto.