CONFLITO, por Miguel Díaz

CONFLITO

Miguel Díaz

No cruel conflito sen fin

que eu non comprendía

xoguei partidas alleas

moi afastadas da poesía…

No ignoto mantel usado

que outros estenderan

fun tecendo un bombardeo

no que, adoito, resistía…

Vagaba por terras adversas,

na lameira da guerra eterna,

e tremía fero ante o estrondo

de ataques que imaxinaba…

Ignorante da miña esencia

atravesaba a cegas o mundo,

perdido nunha realidade

que sempre me abafaba…

Os brazos do medo erguían

muros que me afastaban,

abrían trincheiras na lama,

preparaban dura coiraza…

As mans incomprendidas

deambulaban perdidas e núas

pola curvatura das balas,

polas súas puntas afiadas…

Bloqueado no campo de batalla

asumía as culpas da desfeita

mentres a tristura me cravaba

os seus dentes insaciables…

Ruín desencanto medraba

alimentado por inxustizas

e soñaba unha comprensión

que comigo non acadaba…

Pero quixen seguir camiño

e construíndo polo porvir

quixo a vida agasallarme

a tregua nunha mirada…

Mais a guerra non rematara

e entendín o fin inevitable

e vinme de novo na loita

pero ferido e desarmado…

E nunca deixei de amar

a paz que tanto ansiaba

e que me mantiña en pé

rebulindo nas vísceras…

Hoxe atopo respostas

onde sempre me agardaron,

na cerna que me sostén

e que calada me forxaba…

Pero aínda sinto o verso

dun sorriso que me agarda

e comezo un camiño novo

na diferenza que acepto.

PANDEMIA, por Martiño Maseda

PANDEMIA

Martiño Maseda


Comezabamos a espirnos
cando o primeiro contaxio anulou as palabras
que recendían a camiño ignoto
e falazmente transitable.
Decretouse o silencio na cartografía da casa.
No seguinte impulso puxéronlles bozos
a aqueles que arelaban trabar a apetecible carne da lascivia.
E deixamos de ser inocentes, de mirarnos con fiúza,
confinados na noite da nosa malicia.
A primavera aletargou os afectos.
E fuximos de nós mesmos con icario devezo
cara ao lume dun solpor obsceno que nos persuadía.
Talvez xa non sexamos quen de suturar a fenda
do sacrilexio cometido contra a semántica dos soños.
Agora a quentura da pel abomina a sintaxe pétrea dun tempo
que regañou polas súas costuras íntimas.
E a mirada albisca un horizonte de aves ventureiras.
O ser carnívoro sempre chama dúas veces.