DÍAS DE LIXO, por Miguel Díaz

DÍAS DE LIXO

Miguel Díaz

Patriotas que apestan a rancio,

paus de golf, segunda residencia…

Bandeiras, Paquito, casposos,

aguias cosidas, iates á espera…

Desprezo do esforzo e dos mortos,

orneos fascistas na inconsciencia…

Rúas da falacia e do patetismo,

egoísmo de miserables ovellas…

Máis espécimes que neuronas

esixindo, a brados, liberdade

Barrio rico, xente pobre,

berrega insensible a necidade…

Rotondas cunha única dirección

á ultradereita desprezable,

xunta de escoura privilexiada,

altofalantes da barbarie…

Trapos da tea das elites,

infame festa da inhumanidade,

podremia dun tempo escuro,

pobres virus da mesquindade…

Preto de 100 obras presentadas ao Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020, organizado polo Concello de Vilalba e Culturalia GZ

Case un cento de obras se presentaron ao Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020, que organiza o Concello de Vilalba e Culturalia GZ. As entidades convocantes aplauden a elevada participación, sobre todo na categoría de adultos.

O fallo do xurado, así como a identidade das persoas que o compoñen, farase público aló polo 19 de xuño. A entrega de premios realizarase nunha data que aínda está por decidir, dada a situación de emerxencia sanitaria por causa do COVID19.

Obras gañadoras dos Premios da Gala do Libro Galego 2020

O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración tal día coma hoxe, 9 de maio de 2020, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.

A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e o crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías (que podedes consultar aquí) e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.

Os membros do xurado sinalaron as dificultades de elección entre un conxunto de obras de altísima calidade o que, segundo explicaron, quere dicir que estamos nun bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste momento particularmente difícil que atravesa a sociedade.

Aquí tendes o listado completo das gañadoras e gañadores:

PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2019

Ensaio e investigación

– Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)

Divulgación

– A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)

Narrativa

– Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)

Infantil

– A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)

Xuvenil

– Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)

Libro ilustrado

– Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)

Libro de banda deseñada

– A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)

Iniciativa bibliográfica

– Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)

Tradución

– Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)

Poesía

– Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)

Teatro

– Citizen, do Grupo Chévere (Kalandraka Editora)

Libro mellor editado

– Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)

PREMIOS A TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

– Libraría Chan da Pólvora

Proxecto literario na rede

– Kalandraka TV

Xornalismo cultural

– María Yáñez