PANDEMIA, por Martiño Maseda

PANDEMIA

Martiño Maseda


Comezabamos a espirnos
cando o primeiro contaxio anulou as palabras
que recendían a camiño ignoto
e falazmente transitable.
Decretouse o silencio na cartografía da casa.
No seguinte impulso puxéronlles bozos
a aqueles que arelaban trabar a apetecible carne da lascivia.
E deixamos de ser inocentes, de mirarnos con fiúza,
confinados na noite da nosa malicia.
A primavera aletargou os afectos.
E fuximos de nós mesmos con icario devezo
cara ao lume dun solpor obsceno que nos persuadía.
Talvez xa non sexamos quen de suturar a fenda
do sacrilexio cometido contra a semántica dos soños.
Agora a quentura da pel abomina a sintaxe pétrea dun tempo
que regañou polas súas costuras íntimas.
E a mirada albisca un horizonte de aves ventureiras.
O ser carnívoro sempre chama dúas veces.

O IESCHA solicita á RAG que a celebración do Día das Letras Galegas 2021 recaia en Ricardo Carvalho Calero

Dado o estado de alarma sanitaria que vivimos, e como non é posible a celebración na súa totalidade do Día das Letras Galegas de 2020 na persoa de Ricardo Carvalho Calero, o IESCHA solicita á RAG que garanta que esa celebración se prorrogue e se realice no Día das Letras Galegas 2021.

No seguinte enlace pódese acceder a tal solicitude.

Ampliación prazo de recepción de traballos ao Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO

Debido á situación excepcional na que nos atopamos, e despois da grande acollida deste Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020, decidimos ampliar o prazo de entrega de traballos ata o 8 DE MAIO DE 2020. Obviamente, mentres dure este estado extraordinario, os prazos de fallo do xurado e entrega de premios tamén sufrirán modificación nas súas datas, que serán publicitadas no momento pertinente.

As BASES poden consultarse aquí.

Anexo – Autorización participante menor de idade