Os contos de lobos das Bífidas quentan motores para o Festival Atlántica que se inaugura o mércores

Este luns temos unha sesión de contos a dúas voces coas Bífidas (Lidia Luna e Cris Caldas) que servirá de prólogo á oitava edición do Festival Atlántica. O espectáculo será no Modus Vivendi a partir das 21 horas.

Aproveitamos tamén para lembrarvos que xa se poden mercar as entradas para as galas inaugural e de clausura do festival.

IEU.- Presentación de Cairón 4 na V Feira do Disco e do Libro Galego de Monterroso

O sábado 14 de marzo ás 16,45 h, no transcurso da V Feira do Libro de Monterroso, o IEU presenta o cuarto número de Cairón coas intervencións de Daniel Salgado, director de Cairón, Xesús Alonso Montero, socio honorario do IEU, e Francisco Pardo, director do IEU. 

Na Feira do libro, que se celebrará na Cúpula de Monterroso, terán instalado durante todo o sábado un stand compartido coa editorial Chan da Pólvora, e no que as persoas socias poderán recoller o exemplar de Cairón nº 4 e pagar a cota anual ou tomar os impresos para a súa domiciliación. Exporán ademais, no stand do IEU, exemplares de todos os libros e revistas que levan publicados ata hoxe, así como os carteis das 20 exposicións, principalmente de arte contemporánea, que organizaron ata a actualidade. 

Día da Poesía 2020 en Vilalba

O vindeiro sábado 21 de marzo, Día da Poesía, celebrarase na Casa da Cultura de Vilalba, a partir das 12:00h., un recital poético aberto á veciñanza. O acto está organizado polo Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ, e nel poderá participar quen o desexe co recitado de versos propios ou doutra autoría.

Calquera persoa interesada deberá inscribirse previamente, deixando constancia dos seguintes datos: nome completo, título do poema e autor/a do mesmo, no enderezo electrónico info@culturaliagz.com.

Xa á venda as entradas para as galas do Festival Atlántica de narración oral

Xa á venda as entradas para as galas do Festival Atlántica de narración oral (descarga aquí a nota de prensa)

·        Os prezos varían entre os 12 e os 10 euros da gala inaugural e de clausura, respectivamente

·        Para o espectáculo familiar ‘Unha aventura singular: o gato con botas’ cómpre retirar convites gratuítos a partir do día 10 de marzo no Teatro Principal

·        As funcións gratuítas non precisan reserva e a entrada é libre ata completar o aforo

Os interesados en asistir á Gala Inaugural ou de Clausura do Festival Atlántica 2020 xa poden adquirir as súas entradas a un prezo de 12 e 10 euros, respectivamente, na web da ABANCA (https://entradas.abanca.com) e tamén na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18 a 21 horas e o mesmo día da función.

A Gala Inaugural deste ano leva por título ‘Varios ventos’ e vai ser o mércores 11 de marzo, ás 21 horas, no Teatro Principal. Nesta ocasión o programa incluirá as intervencións de Sandra Araguas (Huesca), Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil), Fernando Saldaña (Salamanca) e dos galegos Cris de Caldas, Quico Cadaval, Sole Felloza, Celso F. Sanmartín, Cándido Pazó, Charo Pita, Santi Prego e María da Pontragha. Ademais, a gala terá como fío condutor a música de Marcelo Dobode.

No que respecta á ‘Tres ventos’, nome da Gala de Clausura desta edición, vaise celebrar o sábado 14 de marzo, tamén no Teatro Principal, a partir das 21 horas. Desta volta, os artistas Fernando Saldaña (Salamanca), Rubén Martínez (Venezuela), Aline Cântia e Chico do Céu (Brasil) serán os responsables de poñer o peche o encontro con historias en castelán e portugués orixinarias da terra dos protagonistas desta velada.

A outra actividade de pago do Festival Atlántica é ‘Palabras na boca’ de Raquel Queizás (13 marzo, 20:30 h, Dospasos, Bertamiráns). A entrada desta sesión terá un custo de 7,5 euros, con pincho incluído, e estará á venda o día da función no propio local.

Programación de balde

No que respecta ao resto da programación da VIII edición do Festival Atlánticas, vai ter carácter gratuíto e non require reserva agás o espectáculo ‘‘Unha aventura singular: o gato con botas’, con Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño (14 de marzo, 18:30 h, Teatro Principal). Para esta función cómpre retirar os convites gratuítos por adiantado no propio teatro a partir do día 10 de marzo.

O programa completo do Atlántica así como a información sobre os artistas pódese consultar na web do Festival (http://festivalatlantica.gal).

TINO BAZ CANTA A POESÍA DE ROSALÍA NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

TINO BAZ PRESENTA “SI CANTAN, ES TI QUE CANTAS” NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Tino Baz interpreta este próximo sábado, día 7 de marzo, ás 20 horas, once poemas de Rosalía (oito deles pertencentes a Follas Novas e tres a Cantares Gallegos) nun concerto encadrado dentro das actividades que vén desenvolvendo estas últimas datas a Casa-Museo Manuel María en volta da celebración, o pasado 24 de febreiro, do Día de Rosalía.

Si cantan, es ti que cantas é o título da obra discográfica en que Tino Baz interpreta de maneira monográfica a poesía de Rosalía. Textos tratados melodicamente por este músico e cantor que en 2007 editou o traballo
musical Cinsa namorada.

Os billetes (5 euros) para ver o concerto poden reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal