Acto poético-musical en homenaxe a Rosalía de Castro na Deputación de Lugo

venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical, no que as voces de Xosé Otero Canto, Adela Figueroa, Ana Mar Fraga Rábade, Ana Gamallo, Fernando García, Ánxela Gracián, Chelo Gayoso, Paco Ledo, Dulce María López, Emilia Martínez Fuentes, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Toño Núñez, Conchita Paz, Luisa Paz, Xosé Pedreira, Ana Rey, Isabel Rodríguez, Xosé Carlos Ulloa e Branca Villar porán corpo poético aos versos de “Follas Novas”, “Cantares Galegos” e demais obras da escritora homenaxeada, ou aos de propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais. O evento estará conducido por Montse González Álvarez.

“Xan Perillán e a maleta máxica”, espectáculo de Kukas, este sábado 29 de febreiro, na Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 29 de febreiro, ás 18 horas, o espectáculo d’Os monicreques de Kukas, “Xan Perillán e a maleta máxica”. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir dos catro anos, nel mestúrase o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación dos títeres.

“Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco…Mais, onde queda Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur?…cun pouco de maxia e a axuda das crianzas con certeza que o descubrirá. Xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera…é unha maleta máxica, todo o que aquí se mete, convértese nun truco de maxia…
Ai, Xan Perillán, que traballos está a pasar! E por riba o seu loro Ravachol aparece e desaparece por arte de birlibirloque …agora está…agora xa non…Uf, por fin meteu todo na maleta…Xa pode marchar…”

A peza está protagonizada por Marcelino de Santiago (Kukas) e está dirixida por Isabel Rey Posada, ambos os dous fundaron hai máis de 40 anos Os monicreques de Kukas, a compañía de teatro de obxectos máis antiga de Galiza e unha das máis estábeis do panorama teatral galego, coa que levan producido máis de 40 montaxes teatrais entre espectáculos con marionetas, ruadas e teatro de actor. A finais de 2019 recibiron o Premio da Cultura de Galiza na modalidade de Artes Escénicas.

O billete ten un prezo de 2 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Día de Rosalía 2020 en Vilalba

Onte, ás 12 do mediodía na Praza da Constitución de Vilalba, celebrouse un recital poético polo Día de Rosalía. Acto que organizou o Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ.

Nunha mañá acariñada polo esplendor do sol, voces como as de Marisa Barreiro, Miguel Díaz, Pilar Maseda, Luís Teixeiro Castro, Sesé Roca, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina Mesa, Martiño Maseda ou Vanesa Siso Calvo deron corpo poético aos versos de Rosalía de Castro ou da súa propia autoría. Tamén se realizou a lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020, Errantes No Mundo, obra de Daniel Asorey.

Véxase unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da celebración do Día de Rosalía 2020 en Vilalba.