Este sábado na Casa-Museo Manuel María proxección de MAMASUNCIÓN, de Chano Piñeiro, e coloquio-debate sobre a emigración galega actual

Este sábado, 1 de febreiro, ás 20 hrs, as persoas que desexen asistir ao auditorio da Casa-Museo poderán desfrutar da curtametraxe “Mamasunción”, dirixida en 1984 por un dos precursores e dos grandes do cinema galego, Chano Piñeiro. A proxección, cunha duración de 20 minutos, trata da emigración e da dor dos que fican .

Posteriormente, teremos un coloquio-debate sobre a realidade da emigración galega actual no que participarán a profesora na área de economía, socioloxía e política agraria da USC, no campus de Lugo, Mar Pérez Fra, e o historiador e profesor do IES Ánxel Fole, Xabier Molinos. Salientar que desde 2008 ao 2017 emigraron desde Galiza 300.000 persoas, das que 79.529 son mozos e mozas de 16 a 29 anos que se viron expulsados por falta de saídas laborais e que declaran non ter intención inmediata de voltar ante a falta de perspectivas de futuro en Galiza.

Ao inicio e ao final desta actividade recitaremos algún poema de Manuel María que nos enfronta con este drama persoal, social e nacional. Concretamente os escolleremos do poemario “Remol”, que este ano cumpre 50 anos da súa primeira edición.
A actividade está organizada por Via Galega, plataforma da que forma parte a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que está na actualidade a desenvolver unha campaña ante a preocupación e gravidade do novo ciclo migratorio galego e para reclamar da Xunta de Galiza políticas que paralicen as súas causas e a execución daquelas medidas necesarias que aseguren traballo digno no país para todas e todos e o retorno das persoas emigradas.

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.