Entrega de premios da XLVIII Edición do Nadal en Begonte

Este sábado 25 de xaneiro, a partir das 17 horas, no salón de actos do Centro Cultural José Domínguez Guizán tivo lugar a entrega de premios dos distintos certames que se convocaron na XLVIII Edición do Nadal en Begonte (Poesía, Arte e Periodismo para adultos e de Debuxo para nenos).

Nun local case repleto de público, e ante a presenza de autoridades coma a Responsable de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez ou o alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e representantes do Belén begontino e persoas integrantes dos xurados de cada modalidade, as persoas premiadas foron recibindo os seus galardóns, segundo os ía nomeando o incansable mestre de cerimonias, Xulio Xiz.

Así, a artista Adolfina Mesa recolleu o premio ao resultar gañadora do XXX Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán contra a Violencia Sexual, coa súa obra Amor Mortal. Tamén o poeta Xosé Otero Canto estivo presente para recibir o galardón como gañador do XLIV Certame Nacional de Poesía Sobre o Nadal coa obra Xesús e a Crónica de Beria. Pola súa banda, no XLIV Certame Xornalístico Begonte e o Nadal, Pepe Pol recolleu o primeiro premio polo artigo Carta a los Reyes Magos y su respuesta, publicado en Galicia Digital, mentres que Beatriz Valcárcel recibiu o segundo premio polo artigo La historia real de un belén viviente, tamén publicado en Galicia Digital. E non podemos esquecer as nenas e os nenos que acudiron recoller cadanseus galardóns coma premiados no XLIV Certame de Debuxo Infantil sobre O Nadal.

O acto, ademais de servir como clausura das actividades na presente edición do Belén de Begonte, que vai camiño do médio século, tamén nos amosou a actuación do cuarteto de saxofón da Agrupación das Escolas Municipais de Música de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei, xestionadas pola Asociación Músico Crisanto.

Véxase a continuación unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da citada entrega de premios.