Presentación no IEU do libro “Fuxir de Proxeria”, de Manuel Blanco Desar

O sábado 24 de agosto presentarase, ás 19,30 h. na sede do IEU en Monterroso, o libro do escritor e economista Manuel Blanco Desar, “Fuxir de Proxeria”. 

En xaneiro deste ano foi o xornalista Fernando Salgado quen presentou en Antas de Ulla, xunto co autor, o libro de Blanco Desar “Una sociedad sin hijos”, un ensaio sobre o problema demográfico de Galicia.

E agora en agosto, Xavier Senín, filólogo e tradutor, e Francisco Pardo, acompañarán ao autor na presentación en Monterroso de “Fuxir de Proxeria”, novela na que Blanco Desar  describe maxistralmente esa sociedade distópica á que non desexaríamos chegar. 

*Información achegada desde o Instituto de Estudos Ulloáns.

Presentación do libro “Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única”, de Xulio Pardo de Neyra, no IEU

O sábado 10 de agosto ás 19,30 h, na sede do IEU en Monterroso, presentarase o libro de Xulio Pardo de Neyra, “Á sombra de María Silgar, Carvalho Calero contra a historia única”, editado por Edicións Embora. Unha excelente biografía do escritor e filólogo ao que se lle vai dedicar o Día das Letras Galegas 2020. Nesta biografía de Carvalho Calero, sen dúbida a mellor publicada ata a data, Xulio Pardo de Neyra describe a vida e a obra do escritor galeguista nos diferentes contextos nos que viviu e descúbrenos as influencias e a transcendencia da súa dona, a escritora Ignacia Ramos.

O libro será presentado polo alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas; pola filóloga e Historiadora do IEU, María José Gómez Alvite; polo autor do libro; e por Francisco Pardo Teijeiro, presidente do IEU.

*Información facilitada polo Instituto de Estudos Ulloáns.