Presentación do libro “Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única”, de Xulio Pardo de Neyra, no IEU

O sábado 10 de agosto ás 19,30 h, na sede do IEU en Monterroso, presentarase o libro de Xulio Pardo de Neyra, “Á sombra de María Silgar, Carvalho Calero contra a historia única”, editado por Edicións Embora. Unha excelente biografía do escritor e filólogo ao que se lle vai dedicar o Día das Letras Galegas 2020. Nesta biografía de Carvalho Calero, sen dúbida a mellor publicada ata a data, Xulio Pardo de Neyra describe a vida e a obra do escritor galeguista nos diferentes contextos nos que viviu e descúbrenos as influencias e a transcendencia da súa dona, a escritora Ignacia Ramos.

O libro será presentado polo alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas; pola filóloga e Historiadora do IEU, María José Gómez Alvite; polo autor do libro; e por Francisco Pardo Teijeiro, presidente do IEU.

*Información facilitada polo Instituto de Estudos Ulloáns.

Galería fotográfica da Exposición PENÉLOPES, de Adolfina Mesa, inaugurada no Castelo de Pambre

O pasado sábado 3 de agosto o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) organizou a inauguración da Exposición pictórica PENÉLOPES, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa. En dita inauguración, ademais de participar a mencionada autora da exposición, tamén tomou a palabra o comisario da mesma, Braulio Vilariño, e o presidente do IEU, Francisco Pardo Teijeiro.

Ao rematar o acto de presentación, as persoas asistentes puideron desgustar un ágape con produtos da zona.

PENÉLOPES poderá visitarse e admirarse na sala de exposcións do Castelo de Pambre (Palas de Rei) desde o 3 de agosto ata o 27 de setembro de 2019.

Velaí unha galería fotográfica na que se recollen distintos momentos do acto inaugural expositivo.

*Reportaxe fotográfica a cargo de Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.