A Asociación Sociocultural Lareira de Soños investiu a Raúl Río Díaz como Trapeiro de Honra 2018 o día 7 de abril. Esta distinción, que chega á súa quinta edición súmase así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña de Manuel María, é un grande activista da cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Díaz Castro e dos Vilares; grande coñecedor da historia da parroquia, ademais de permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, a decisión unánime da propia asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.
O acto de entrega da V edición do Premio Trapeiro de Honra ao vilarego Raul Río tivo lugar nun acto que se celebrou na igrexa parroquial de San Vicenzo dos Vilares, o seu lugar de nacencia, coa presenza de numerosos amigos e veciños.
O acto contou coa participación de Pas Veres e Antón de Guizán da Lareira de Soños, que fixeron as presentacións, a artista chairega Isabel Pardoque realizou em vivo um retrato a Raúl, o crítico literario Armando Requeixo, os xornalistas Man Castro e Xulio Xiz, familiar e amigo de Díaz Castro respectivamente, os músico Mero Iglesias, o museólogo Felipe Senén, os cregos amigos Xaquín de Roca e Alfonso Blanco de Xermolos e o acordeonista de Lanzós Manuel Figueira e o flautista Manuel de Bemantes,, que amenizaron o acto.
Nesa xornada fixose entrega do Premio a Raúl Río, unha figura representativa deseñada pola artista Viki Rivadulla e tamén ás familias dos dous galardoados anteriores, Pepe de Cristos (2016) e Asunción dos Ares (2017). Figuras únicas realizadas a man e sen moldes e cos nomes de cada premiado.
Consolidado así um premio iniciado no 2014 coincidindo coa dedicatória ao poeta Diaz Castro das Letras Galegas, coa dedicatória na quinta edición a un grande amigo é defensor: Raúl Río Díaz.
Enlace a este libro homenaxe do Trapeiro de Honra 2018.
Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1