Na tarde de onte, conducido polo xornalista Xulio Xiz, celebrouse na Casa da Cultura do Concello de Vilalba o acto de presentación dos poemarios gañadores na pasada edición do Certame Literario que convoca o Concello de Vilalba. Refírome concretamente ás obras Telúrica de Xosé Otero Canto e Sonetos preposicionais de María Xosé Lamas, que acadaran o primeiro e o segundo premio, respectivamente. Un acto ateigado de xente que acudiu a escoitar na voz dos propios poetas algúns apuntamentos sobre cadanseus libros, ademais do recitado duns cantos poemas dos mesmos. Amenizou o acto o cuarteto musical Tuba e Dálle.

Velaí unhas imaxes que ilustran parte do acontecido onte:

Deseguido, fíxose pública na voz de Xulio Xiz, integrante do xurado, a acta coa resolución da XLIII Edición do Certame Literario de Vilalba, un dos máis lonxevos da Galiza, e agora ademais de maior contía económica, ao reducir o número de galardóns a un único premio, o cal se incrementa até os 7.000€. Lida a acta descubrimos que a obra gañadora neste 2017 foi ANTÍDOTO da escritora coruñesa Emma Pedreira Lombardía.

Emma Pedreira xa posúe unha ampla traxectoria literaria, non só en canto a premios acadados senón tamén no tocante a libros publicados. Por citar algúns datos que dean conta do anterior: Premio López Abente de Poesía con s/t, XIV Premio de Poesía Concello de Carral por Libro das mentiras, V Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño con Casa de orfas, IX Premio de Poesía Novacaixagalicia con Antítese da ruína, Premio Johán Carballeira por Velenarias, IV Premio Internacional de Poesía, “El Mejor Poema del Mundo”, co poema Lista da compra da viúva. Sen esquecermos títulos coma Corazón e demais tripas, Bestiario de silencios, Bibliópatas e fobólogos, etc.

 

Medre a Poesía!