Finalistas do XXI Concurso de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” no FIOT

O FIOT celebrará o domingo 13 de novembro a gala final e acto de entrega de premios do XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, certame que procura achegar, dun xeito próximo e entretido, a lectura dramatizada ás novas xeracións, e que estas leven o teatro ás casas a través das ondas radiofónicas.

Este 2022 participaron nenas e nenos de 13 de centros escolares da comarca de Bergantiños. En total, entre alumnado e profesorado, o certame contou coa participación de 216 persoas agrupadas en 31 colectivos. Un xurado escolleu este martes, día 8, as catro propostas finalistas, que tamén se poderán escoitar ao vivo o día 13, a partir das 18.00 horas,  no auditorio do Pazo da Cultura. O acto contará co Mago Teto como mestre de cerimonias. 

1ª CATEGORÍA

– GRUPO: TRALLEIR@S MEDIOAMBIENTAIS, do CPI CABO DA AREA, coa obra Lixum Marítimus.

– GRUPO: AS CONTEIRAS E CONTEIROS , do CEIP FOGAR, coa obra A vaca que puxo un ovo.

2ª CATEGORÍA

– GRUPO: OS VIQUINGOS DO PENDÓN, do CPI AS REVOLTAS, coa obra Atraco no banco.

– GRUPO: TEATREIROS, do IES ALFREDO BRAÑAS, coa obra A verdadeira historia do secuestro de Rapuncel.

Durante a gala do día 13, os grupos volverán intepretar os seus fragmentos teatrais. Tras unha nova deliberación do xurado, o propio domingo, realizarase a entrega de premios nas dúas categorías. A cita pecharase cunha actuación do Mago Teto destinada a público familiar e, ao remate, haberá unha gran chocolatada.

Alén das catro propostas finalistas, todas as iniciativas participantes pódense ver ou escoitar na canle de Youtube do FIOT.  Unha vez teña lugar a gala final, as propostas gañadoras tamén estarán dispoñibles na sección Onda FIOT da web oficial do festival, www.fiot.gal.



CONVOCATORIA

Data: Domingo 13 de novembro
Hora: 18.00 horas
Lugar: Auditorio do Pazo da Cultura
Acto: Gala Final co XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís