Acto reivindicativo “CALDALOBA: Recuperarmos o noso patrimonio, recuperarmos a nosa historia”, organizado por distintas entidades culturais

O vindeiro sábado 22 de maio, diante da torre de Caldaloba, a partir das 11:30 h. celebrararase un acto reivindicativo de distintas asociacións e grupos culturais chairegos e dos arredores, baixo a lenda Caldaloba. Recuperarmos o noso patrimonio, recuperarmos a nosa historia, no que reclamarán a recuperación deste emblema do patrimonio histórico galego.

As entidades convocantes son: Castiñeiro Milenario, Xermolos, IESCHA, Amigos do Castro de Viladonga, Valle Inclán, Madia Leva, Cultura do País, Os Vilares-Lareira de Soños, Irmandade Manuel María, Nova Poesía Guitirica, Lugo Patrimonio, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Fundación Manuel María, Asociación veciñal de Cabreiros, Xotramu, A chave das noces, PolKA. Poeta Avelino Díaz e Chimchiribote.

O acto é de convocatoria aberta, dado que é un espazo ao ar libre e, por tanto, non haberá ningún problema co número de persoas asistentes, garantindo así as necesarias medidas de seguridade sanitaria que establece a pandemia da COVID-19.

PROGRAMACIÓN:

a) Intervencións públicas por parte de Antón Meilán e Orlando Viveiro.

Orlando Viveiro, coñecedor e divulgador do patrimonio da Terra Chá, participou nas Brigadas Chairegas e na loita levada a cabo hai vinte anos sobre Caldaloba. Fará unha breve intervención.

Antón Meilán, mindoniense e profesor da Universidade de Uvieu, estudoso de todo o relacionado con Pardo de Cela e a súa familia, fará unha intervención divulgativa sobre o que aconteceu no castelo de Vilaxoán ou Caldaloba e a importancia e significación destes feitos na nosa historia.

b) Acompañamento musical do grupo CAIVANCA (algúns dos seus membros pertenceron ao grupo musical CALDALOBA), que interpretará unha serie de pezas.

c) Foto de todos os participantes diante da torre cunha faixa que levará a lenda xa mencionada: Caldaloba. Recuperarmos o noso patrimonio, recuperarmos a nosa historia.

IESCHA.- II Mostra Interactiva de Xogos Populares, con XOTRAMU

Velaí cartaz e nota informativa da II Mostra Interactiva de Xogos Populares, a cargo de XOTRAMU de Muimenta, organizada polo IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba, e que terá lugar o sábado, 24 de agosto de 2019, ás 18:00 horas, no Campo de Fútbol por riba das pistas de tenis de A Madelena, coincidindo coa Xira do San Ramón’2019.

*Información achegada polo IESCHA.