Convocatoria do XI Premio de investigación XERMADE NA HISTORIA

O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o XI Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo, que será regulado polas seguintes

BASES

1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.
2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.
3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).
4. Haberá dous premios:
– 1º Premio, dotado con 2.000 euros.
– 2º Premio, dotado con 1.000 euros.
5. Os traballos deberán ser entregados baixo pseudónimo exclusivamente no rexistro do Concello de Xermade ou a través de correo postal. En sobre pechado serán incluídos:

-Nome, enderezo, teléfono, Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo …
-Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org.

Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, o Concello de Xermade facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade do/da autor/a ou dos/das autores/as ata que se resolva o procedemento.
6. Deberase entregar o orixinal paxinado en papel DIN A4 e copia en CD ou en memoria USB, tanto en formato PDF como en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.
7. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.
8. Os traballos deberán ser realizados e presentados en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 21 de febreiro de 2025.
9. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do Concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 21 de marzo de 2025.
10. Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.
11. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.
12. As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello de Xermade dentro do prazo de cinco (5) anos; transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.
13. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.
14. As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio.
15. A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.

Modelo de presentación XI Premio