Conferencia “XELA ARIAS, A VIDA ÍA EN SERIO”, que será impartida por Marta Veiga Izaguirre na Casa da Cultura de Vilalba
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas’2021, organiza, en
colaboración co Concello de Vilalba, a conferencia “XELA ARIAS, A VIDA ÍA EN SERIO”, impartida por MARTA VEIGA IZAGUIRRE, profesora e xornalista.
O acto terá lugar o venres 7 de maio de 2021, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e será presentado por Marisa
Barreiro, presidenta do Iescha.
A entrada é libre ata completar aforo, cumpríndose estrictamente a normativa anti-covid.
Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora.
En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.
En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.
Exerceu un labor pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari, Jorge Amado, W. Fernández Flórez, Roald Dahl Bram Stoker (Drácula); tamén participou na tradución de O Quixote de Cervantes
ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios.
Desde 1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.
A súa morte en 2003 ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural.
Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Atreveuse a
explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais e outras
intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero. (https://www.lingua.gal/letras-galegas/contido_0059/2021-xela-arias)
Marta Veiga Izaguirre (Cantabria, 1978) é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, amais de investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia.
Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso.
Velaquí a nota informativa.