“Xan Perillán e a maleta máxica”, espectáculo de Kukas, este sábado 29 de febreiro, na Casa-Museo Manuel María
A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 29 de febreiro, ás 18 horas, o espectáculo d’Os monicreques de Kukas, “Xan Perillán e a maleta máxica”. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir dos catro anos, nel mestúrase o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación dos títeres.
“Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco…Mais, onde queda Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur?…cun pouco de maxia e a axuda das crianzas con certeza que o descubrirá. Xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera…é unha maleta máxica, todo o que aquí se mete, convértese nun truco de maxia…
Ai, Xan Perillán, que traballos está a pasar! E por riba o seu loro Ravachol aparece e desaparece por arte de birlibirloque …agora está…agora xa non…Uf, por fin meteu todo na maleta…Xa pode marchar…”
A peza está protagonizada por Marcelino de Santiago (Kukas) e está dirixida por Isabel Rey Posada, ambos os dous fundaron hai máis de 40 anos Os monicreques de Kukas, a compañía de teatro de obxectos máis antiga de Galiza e unha das máis estábeis do panorama teatral galego, coa que levan producido máis de 40 montaxes teatrais entre espectáculos con marionetas, ruadas e teatro de actor. A finais de 2019 recibiron o Premio da Cultura de Galiza na modalidade de Artes Escénicas.
O billete ten un prezo de 2 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal