Voadora estreará ‘Hoax Hamlet’, o seu novo espectáculo, no festival Escenas do Cambio
A compañía de teatro de vangarda Voadora estreará o vindeiro 5 de maio, en Santiago de Compostela, a súa nova creación, Hoax Hamlet. A peza, dirixida por Hugo Torres -intérprete, músico e director artístico da troupe-, e coa que compañía celebra 15 anos sobre os escenarios, terá a súa estrea estatal no marco da nova edición do festival Escenas do Cambio, cuxa programación foi presentada esta semana.
“Hoax Hamlet é unha fábula, un monstro, unha historia de amor, un fillo. É teatro, pero tamén é outra cousa”, avanza Hugo Torres, quen tamén asina, xunto a Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. “Esta peza é unha homenaxe ao noso equipo técnico, ás persoas que traballan habitualmente con nós e que, en xeral, nunca vemos sobre un escenario”, sinala.
Así, sobre o texto de Fernando Epelde e a escenografía de Marta Pazos, Torres dirixe unha peza coral na que participarán, tanto en escena como coa interpretación de música en directo, Montse Triola (distribución), Pablo Chaves Maza (axudante de escenografía), David Rodríguez (son), Iván Núñez Casal (iluminación) e Vicente Conde (administración), entre outros nomes, e que conforman o equipo técnico da compañía. O espectáculo tamén conta coa música orixinal de Hugo Torres acompañado por novas creadoras, como son Mariña Paz Otero e Tom Archi, e a iluminación de Iván Núñez Casal.
A estrea de Hoax Hamlet será o xoves 5 de maio, ás 20.00 horas, na Cidade da Cultura, espazo no que a propia compañía realizou unha residencia creativa nos meses de novembro e abril. As entradas xa están dispoñibles no web https://escenasdocambio.org/es/venta-de-entradas/.
XIRA DE OTHELLO
Por outra banda, o espectáculo de Voadora Othello, dirixido por Marta Pazos, segue coa súa xira internacional e galega esta primavera. A creación poderase ver, nas vindeiras semanas, no alemán 39º Heidelberg Stückemart (8 de maio), no Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), no Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e, finalmente, no Teatro Principal de Ourense (9 de xuño). Othello é unha visión transgresora da obra de Shakespeare, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica terán especial protagonismo na escena. O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Teatro Nacional São João de Porto, pretende por o foco nas personaxes femininas e atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. A actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Pablo Chaves, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Diego Anido.
SOBRE A COMPAÑÍA
Unha mirada irreverente e unha coidada posta en escena caracterizan o traballo de Voadora. Baixo a dirección de Marta Pazos, a compañía galega aposta pola investigación na creación contemporánea cun equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas cuxa hibridación resólvese, en cada peza, nun acto de profundo e sinceiro amor pola arte. A visión ética do traballo teatral, o coidado exquisito de cada elemento e unha fonda reflexión sobre a realidade desde as periferias caracterizan a Voadora, capaz de transformar a contorna do público para presentar montaxes únicas nas que a compañía, unha potente máquina de xerar experiencias e preguntas sen resposta, deixa sempre o seu sinal.
Nota informativa do espectáculo.