Os contos eróticos de Victoria Siedlecki toman o Museo do Pobo Galego este venres
OS CONTOS ERÓTICOS DE VICTORIA SIEDLECKI TOMAN O MUSEO DO POBO GALEGO ESTE VENRES
- A arxentina protagoniza a penúltima xornada de Atlántica en Santiago con dúas funcións no Museo do Pobo Galego, unha para público infantil e outra para adultos
- Tamén está programada unha visita guiada con Manuel Gago pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ cos convites esgotados
- En Teo, no exterior da casa reitoral de Bamonde, estará María da Pontragha con ‘Donas do lugar’
A arxentina Victoria Siedlecki vai ser a protagonista da penúltima xornada do Festival Atlántica en Santiago con dúas funcións que se van desenvolver no Museo do Pobo galego. Así, o primeiro espectáculo, concibido para público infantil, será ‘Pequeno país’ e comezará ás 18 horas. Un chisco máis tarde, ás 21:30 horas, será a quenda dos maiores que se acheguen ata o museo para escoitar os ‘Relatos eróticos’ de Siedlecki.
A outra actividade prevista na xornada é unha visita guiada pola exposición ‘Santiago de Compostela no tempo’ na compañía do seu comisario, Manuel Gago. A visita, que comezará ás 7 da tarde, ten os seus convites esgotados desde hai un par de semanas e conta coa colaboración de Afundación.
Mentres, no veciño concello de Teo, a galega María da Pontragha levará ‘Donas do lugar’ ata o exterior da casa reitoral de Bamonde, situada fronte á igrexa. Esta actividade é posible grazas á colaboración da Asociación de Veciño de Bamonde.
Mais fóra de Santiago e Teo o Festival Atlántica segue a levar os contos por numerosos puntos da xeografía galega. De feito, o venres, 8 de xullo, as historias tamén chegarán ao Castro de Castrolandín en Cuntis da man de Carolina Rueda (19 h e 21:30 h); á eira de mallar de Beixo, en Dodro, con Brais das Hortas (21 h); ao Pazo das Torres de Goiáns de Boiro con Félix Albo(21:30 h), ao lavadoiro de Artes de Ribeira con Santi Prego e Jorge de Arcos(21:30 h) e, finalmente, ata ao Parque Arqueolóxico Rupestre de Campo Lameiro con Raquel Queizás (22:30 h). Toda a información sobre os artistas e mais os espectáculos pódese consultar na web do festival (festivalatlantica.gal)
O encontro internacional de narración oral poñerá o ramo a súa décima edición o sábado, 9 de xullo, logo de espallar historias polas catro provincias galegas grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos e entidades que operan como sedes do festival.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.
+INFO: http://festivalatlantica.gal
20220707-NP-SANTIAGO_TEO-FestivalAtlantica