Estrea do documental “Lévame a idea. Un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega” no Auditorio Municipal de Vilalba
O auditorio municipal de Vilalba acollerá a presentación deste proxecto audiovisual producido por Navíos e Folerpas o vindeiro sábado 15 de marzo ás 19:30 horas
A produtora Navíos e Folerpas anuncia a estrea do documental “Lévame a idea” para o vindeiro 15 de marzo no auditorio municipal de Vilalba, ás 19:30 horas. Un traballo que pretende recoñecer ás mulleres creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega.
No ano no que se dedican as Letras Galegas á poesía popular oral personificada en sete cantareiras e tocadoras destacadas, cómpre reivindicar cunha óptica feminista e interxeracional o papel fundamental das mulleres na preservación da música e a cultura tradicional de Galicia, piar esencial da identidade colectiva. A transmisión oral das letras e músicas que nos vertebran como pobo guían as entrevistas que recolle este documental a mulleres que aportan a súa visión desde distintos eidos, como o musical, o académico, o divulgativo, o artístico ou o antropolóxico.
O documental trata temas fundamentais como a invisibilidade e infravaloración destas músicas e cantares desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais. Ademais, ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, unha lingua fundamental para a nosa cultura. Neste senso, o documental tamén sitúa o foco no impacto da represión franquista sobre a música de tradición oral feita por mulleres en Galicia, un capítulo escuro da nosa historia que é preciso lembrar e analizar.
As entradas son de balde e xa se poden retirar, ben na web https://entradasvilalba.es/evento/musica/levame-a-idea ou ben na Casa da Cultura de Vilalba.
As mulleres que participan
A través das súas voces e vivencias, coñecemos a Teresa dos Cucos, veciña de Pontella e informante de varias das tonadas máis coñecidas e versionadas da música actual; Baselisa Romay, fiel compañeira de canto de Teresa e tocadora de pandeireta; Carme de Tines, memoria viva do noso patrimonio inmaterial: a eira da casa onde reside alberga na súa memoria os seráns do lugar de Seaia; Felisa Segade, unha das mestras e artistas máis recoñecidas, piar das históricas Leilía e vocalista do grupo Tres pesos; Sés (Mª Xosé Silvar), cantautora galega coñecida polo seu estilo único, que bebe tamén de fontes tradicionais cunha forte identidade galega e con letras comprometidas e reivindicativas no que atinxe á lingua, á igualdade e á xustiza social; Mercedes Peón, pioneira na divulgación do canto e a pandeireta, multiinstrumentista con traxectoria internacional e parte fundamental da asociación Somos Pandeireteiras; Xulia Feixoo, etnomusicóloga centrada no estudo e transmisión das músicas de tradición oral, percusionista no Cuarteto Caramuxo e na orquestra folk SondeSeu, coautora do libro Mulleres de Gargamala e autora de Maruxa das Cortellas e Concha do Canizo; Beatriz Busto, mestra e etnomusicóloga, especializada no NO-DO franquista e autora do libro Pandeireteiras de Mens, grupo homenaxeado nas Letras Galegas 2025; Branca Villares, música de tradición oral, mestra e divulgadora cultural, colaboradora no disco que Richi Casás lle dedicou á súa avoa Rosa Casás, referenciada tamén nas Letras Galegas xunto coa súa tía Adolfina; Felicidad Casás, neta de Rosa Casás; Lupe Blanco; pandeireteira e mestra das regueifas de Bergantiños, na actualidade imparte obradoiros en escolas de regueifa e en centros educativos; Isabel Vigo, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, onde se recollen todas as gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth realizou no seu traballo de campo e os cancioneiros onde as documentou; Lola López e Isolina Rodríguez, fundadoras da Asociación O Teixeiro e impulsoras da Festa da Pandeira do Piornedo; Malvela, un dos grupos que abriu camiño coa gravación de catro discos, evidenciando que a música non entende de idades; Xiana Lastra, vocalista da Banda da Loba e mestra de galego na Educación Secundaria Obrigatoria; Andrea, Alejanda, María e Mariana Montero, referentes da música actual de percusión tradicional no grupo Lilaina, con proxectos compartidos con Baiuca e Aliboria, levando a música popular galega a escenarios como o do Wizink Center; Eva Fernández, membro do grupo de pandeireteiras Ferriñas Bravas e creadora da revista online de cultura tradicional Rebelico; e Julia Marín, de Artesanía JMR, artesá de instrumentos populares que atopou o seu oco nun sector aínda hoxe moi masculinizado.
Todas estas mulleres realizan un percorrido que abrangue desde a transmisión oral dos versos cantados ata a investigación, custodia e divulgación deste tesouro cultural nos eidos académico, artístico e comunitario. Elas fían unha historia colectiva de resistencia, creatividade e amor polas raíces. “As mulleres que nos aprenderon o mundo cantando, cultura viva cun marcado carácter de pasado, presente e futuro”.
Lévame a idea é un documental producido por Navíos e Folerpas e dirixido por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso.