‘Fronterizas’ pecha este domingo en Santiago a quinta edición de Camiño Escena Norte

Fronterizas, da premiada bailarina e coreógrafa brasileira Mari Paula, despide este domingo 22 no Gaiás a quinta edición de Camiño Escena Norte
A compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance actuará este domingo 22, a partir das 19.00 horas, na Cidade da Cultura e, ao remate da función, celebrará un encontro co público da man de VACAburra 
As entradas para o espectáculo serán gratuítas, previa retirada das mesmas a través do portal en liña ataquilla.com 

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, despedirase do público esta fin de semana. Será co espectáculo Fronterizas, da compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance, ás 19.00 horas deste domingo, 22 de outubro, no Museo do Gaiás. Os convites, gratuítos, pódense retirar na plataforma ataquilla.com

Fronterizas é unha obra autoficcional da bailarina, coreógrafa e xestora cultural brasileira Mari Paula (Mariana de Paula Ferreira) na que se abordan temas como a loita, o cansancio ou a aceptación do fracaso. Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronterizas vislumbra un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha, deste xeito, a triloxía integrada por Retrópica (2017), peza coa que acadou en Brasil o Premio Nacional de Danza – Funarte Klauss Vianna, e Devórate (2019). 

A construción dramatúrxica rompe coa linguaxe e o corpo da artista para transportar ao público a unha experiencia na que a danza se fusiona co texto, coa luz e coa experimentación sonora, creando imaxes dunha beleza cativadora ateigadas de simbolismos e reflexións. “Fronterizas é unha obra decolonial, non polo seu discurso, mais si porque pon en escena un corpo transmundano que desexa desestabilizar as lóxicas da produción”, expón Mari Paula. 

Ao finalizar a función, Andrea Quintana e Gena Baamonde, da compañía galega VACAburra, acompañarán a Mari Paula nun encontro co público. Previamente, a coreógrafa participará nun encontro co alumnado da ESAD de Galicia, como parte da programación expandida do CEN, nunha iniciativa que permite por en contacto ao alumnado das ensinanzas artísticas coas compañías profesionais en xira.

20231020-Camino-Escena-Norte-en-Santiago