Lois Pérez gaña o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade coa obra A GRUTA DA TORRE

O xurado do V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Iria Misa Peralba, Manuel Bragado Rodríguez e Xosé Lastra Muruais acordou por unanimidade, outorgar o V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada A GRUTA DA TORRE presentada baixo o lema ou seudónimo de UN PESO SEMPRE SE GASTOU. Unha vez aberta a plica, resultou ser o seu autor LOIS PÉREZ DÍAZ.
O xurado salienta da obra gañadora o interese da trama que se desenvolve no verán de 1990 en Ribadeo en espazos recoñecibles así como polo seu carácter como historia de formación protagonizada por un grupo diverso de rapaces e rapazas que emprenden unha viaxe de descuberta seguindo o fío das viaxes nos libros e na memoria. Escrita con mestría, empregando diversos recursos e rexistros, a novela mantén un pulso narrativo que non decae.

Velaquí a acta do xurado.

*Fotografía do Lois Pérez tomado do Centro de Documentación da AELG

*Autoría da fotografía: Distrito Xermar (2017)

Convocatoria do V Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade

CONVOCATORIA DO V PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE


O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS, O CONCELLO DE VILALBA E EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA convocan o V Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, de acordo ás seguintes

BASES

Primeira.
Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…

Segunda.
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables segundo a lexislación vixente.

Terceira.
A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que se reserva os dereitos de edición da obra premiada nos 1.500 primeiros exemplares. Entregaránselle ao/á gañador/a 30 exemplares.

Cuarta.
A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4. Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.

Quinta.
O prazo de presentación de orixinais comezará o 23 de abril de 2021, Día Internacional do Libro e prolongarase até o día 12 de xullo de 2021 (cuarto cabodano de Agustín Fernández Paz).

Sexta.
O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio cultural. Emitirá o ditame, que será inapelable, na última semana do mes de outubro de 2021. O xurado poderá declarar o premio deserto.

Sétima.
A entrega do premio terá lugar nun acto do que se dará conta oportunamente.

Oitava.
Os orixinais remitiranse a:
V Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade
INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS
Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura)
Apartado de Correos , nº 39
27800 Vilalba (Lugo)

Novena.
Os orixinais non premiados poderán recollelos os/as respectivos/as autores/as no local do Instituto de Estudos Chairegos (Casa da Cultura de Vilalba) durante un período máximo dun mes despois do ditame do premio. Os que non se recollan nese prazo serán destruídos.

Décima.
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Descargar Díptico e Bases