As obras que se presentarán son Cartografía dos tránsitos, de Maurizio Polsinelli, que acadara o primeiro premio, e Caeiro, de Mercedes Rodríguez Bolaño, gañadora do segundo premio. Ámbalas dúas editadas baixo o selo de TrisTram.
No acto, ademais das persoas autoras das obras, participarán tamén Armando Castosa, alcalde de Cospeito, María José Paredes, concelleira de Cultura de Cospeito, Inés Lozano, presidenta da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, e Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.
Durante a celebración do evento tamén haberá música ao vivo co dúo 2naFronteira, integrado por Mauizio Polsinelli, ao piano, e a voz de Carmen Penim.
1º Premio: CARTOGRAFÍA DOS TRÁNSITOS, de Maurizio Polsinelli
2º Premio: CAEIRO, de María Mercedes Rodríguez Bolaño
Da obra gañadora, CARTOGRAFÍA DOS TRÁNSITOS, o xurado salientou que se trata dun traballo artesanal da palabra poética, dentro dunha proposta desenvolvida con técnica e elegancia. Ademais de destacar a súa riqueza en recursos expresivos e referencias cultas e evocadoras, acaídas con moi acertada habilidade. Estruturalmente equilibrado e cunha excelente musicalidade.
De CAEIRO citou a súa plasticidade e emprego de imaxes poderosas. En ocasións presenta un ritmo sincopado, e unha contención que evita a saturación ornamental, cunha forza metafórica suxestiva.
O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, artista multidisciplinar; Andrea Fernández Maneiro, escritora e gañadora da pasada edición do certame; Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario; Beatriz Dourado, escritora e profesora, e Xosé Otero Canto, escritor e profesor.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro, ás 18 h. no local social de Pino, onde previamente, ás 17 h., se realizará a inauguración da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino.