por martinho | Jun 13, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Sara Faro e María SOA actuarán, da man do Instituto Cervantes e AIE, en Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech do 24 ao 29 de xuño
O dúo tamén forma parte do cartel do Poborina Folk, en Teruel, onde estará o 21 de xuño, mentres que o día 22 participará no VESU Festival de Oviedo
Fillas de Cassandra levará a súa xira Últimas Dionisíacas a Marrocos este mes de xuño. O dúo conformado polas viguesas María SOA e Sara Faro visitará, do 24 ao 29 de xuño, as localidades de Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech da man do Instituto Cervantes, a través do seu programa musical Cervantes en ruta, e da AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes) por medio da iniciativa AIEEnRuta – Artistas.
Tras estrear o pasado 16 de febreiro en Vigo o seu novo directo, no que Fillas de Cassandra revisa desde unha electrónica máis potente e escura o seu álbum Acrópole, e visitar desde entón numerosos recintos, salas e festivais de todo o territorio peninsular, as creadoras de éxitos como Lisístrata (Varre vasoira) ou Tataravoa visitarán por vez Marrocos. Antes, o venres 21, serán cabeza de cartel no festival Poborina Folk, na provincia de Teruel, e ao día seguinte, o sábado 22, compartirán escenario con figuras como Xoel López ou Carlos Ares no VESU Festival ovetense.
Así, o día de San Xoán (24 de xuño), Sara Faro e María SOA, acompañadas de Marina Vidal e Tania Caamaño -xuntas, as catro, conforman a banda destas Últimas Dionisíacas-, iniciarán a xira en Tánxer, onde actuarán no exterior do Colexio Español Ramón y Cajal. O martes 25 visitarán Tetuán, concretamente o campo de fútbol de La Corniche (Martil) e, dous días despois, trasladaranse a Fez para levar o seu directo até o Colexio Francés Jean de la Fontaine. Xa o día 28, o patio do Instituto Cervantes de Casablanca acollerá a proposta musical galega e, finalmente, o 29 de xuño pecharase a xira en Marrakech, cun concerto na Escola Superior de Artes Visuais.
Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas
- 21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
- 22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
- 24 ao 29 de xuño. Marrocos. Varias localidades.
- 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest.
- 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
- 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
- 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
- 17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina.
- 23 ao 25 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
- 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
- 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas.
20240613-NP-Fillas-de-Cassandra-en-Marrocos
por martinho | Abr 25, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O tema preséntase acompañado dun videoclip gravado no litoral da ría de Vigo, que amplifica aínda máis a profunda carga emotiva, e ao tempo combativa, da canción
Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra veñen de asinar a súa primeira colaboración, Contra vento e marea. O tema, que xa está dispoñible nas plataformas dixitais, preséntase como un arrebatador, cómplice e fascinante xogo de contrastes entre dúas formacións esenciais na actual escena da música galega. O sinxelo demostra que a confluencia entre as dúas bandas que agromaron en Vigo é natural, enriquecedora e proveitosa para a música do país.
Contra vento e marea, explica Nervo, é “unha oda á superación, a remar contracorrente, a manterse a flote, a sobrevivir no medio desta puta loucura”. É un canto a non deixarse levar pola ira, mesmo sendo conscientes que hai razóns dabondo para que a ira aflore. “É unha canción chea de orgullo, forza e valor, evocadora de todo tipo de sentimentos precisos para vencer á frustración», expón. Ao fío, María SOA e Sara Faro salientan “a forza e a colectividade” que se desprende da peza. “Como di o tema, somos rochas contra as que bate o mar. Contra todos os contratempos que poidan vir, ímonos manter firmes e mirar cara adiante”, apuntan.
Nesta primeira colaboración, Rebeliom achégase a un rexistro poético conmovedor e descarnado, cunha colosal carga emotiva, mais sen deixar, en ningún momento, a súa esencia combativa. “Som o som das ondas à beira do mare, o latejo, a espuma branca, o nosso lare, a costa e dureza. Puto, nom todo vale. Ilhas Atlânticas freando tempestade”, rapea Nervo sobre os beats de 2Pasøs e Frank Huxley. Pola súa banda, Fillas de Cassandra expoñen, dun xeito vehemente e apaixonado, a fortaleza que reside nelas. “Nas augas do inframundo fazemos o nosso mare”, cantan María SOA e Sara Faro nos primeiros compases do tema.
CREACIÓN COLECTIVA
A idea da colaboración entre Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra xurdiu hai un ano, nun encontro entre uns e outras. “Foi a primeira colaboración que nos ofreceron e, desde o inicio, cadramos xenial, xa que ambas formacións sentimos admiración pola outra”, contan María e Sara.
A construción foi colectiva. “Nós tiñamos unha melodía gardada con cariño e soubemos que ese era o momento de compartila. Esa melodía foi inspiradora para todas, comezamos a construír o tema todas á vez”, explican Fillas de Cassandra.
“As Fillas tiñan a súa parte, eu compuxen a letra que canto e Malvares o poema que soa ao remate. A partir de aí foi chegar ao estudio e xurdiu todo dun xeito supernatural. Fixémolo xa todo. A seguinte vez que nos xuntamos foi para gravar o videoclip”, lembra Nervo.
O resultado, Contra vento e marea, é pura harmonía e fusiona, dalgún xeito, dúas propostas que, lonxe de manifestarse antagónicas, se amosan en feliz comunión. Rebeliom e Fillas non suman, multiplican. Multiplicánse as emocións, o caracter evocador. Multiplican a súa potencia pero tamén a súa sensibilidade. Son as filhas do sol e os piratas con ron dos que fala a letra da canción. Vento em popa a toda vela e com decisom.
EMOCIONANTE VIDEOCLIP
A canción chega acompañada dun emotivo e sobrecolledor videoclip realizado por IzanMG, gravado no litoral de Vigo, e que se pode ver na canle de Youtube de Rebeliom do Inframundo. A peza audiovisual, na que participan as dúas bandas, relata a historia dunha traxedia no mar mesturada coa idea de superación fronte as adversidades e de situar o amor, a amizade e a solidariedade por enriba de calquera outro valor.
FILLAS DE CASSANDRA XIRA COAS ÚLTIMAS DIONISÍACAS
María SOA e Sara Faro seguen a sumar novas datas na súa xira Últimas Dionisíacas, na que revisan os temas do seu primeiro álbum, Acrópole, desde un punto máis escuro e electrónico, así como novas creacións ou mesmo algúns dos sinxelos que foron publicando nos últimos meses. É o caso de pezas como Tola, Tataravoa, Quen é a que canta? ou ANGULEELE). Nos últimos días, eventos como Festivala, Poborina Folk, Tradicionarius ou 13Roeis anunciaron a presenza do dúo nas súas novas edicións.
Estas son as vindeiras datas da xira Últimas Dionisíacas de Fillas de Cassandra.
- 5 de maio. Barcelona. Tradicionarius.
- 11 de maio. Ponferrada. Sala H
- 24 de maio. Ourense. OurenSound Fest.
- 25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
- 1 de xuño. Madrid. Sala El Sol.
- 8 de xuño. Vilagarcía de Arousa. Festivala.
- 21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
- 22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
- 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest.
- 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
- 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
- 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
- 23 ao 24 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
- 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
- 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas.
20240425-NP-Contra-vento-e-marea
por martinho | Mar 21, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
“É marabilloso poder formar parte da festa do audiovisual galego de xeitos tan diversos como os que poderá ver e escoitar o público este sábado”, sinalan María SOA e Sara Faro, que compuxeron pezas específicas para a ocasión
As creacións musicais de Fillas de Cassandra fiarán a gala dos XXII Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego, que se celebrará este sábado, 23 de marzo, na cidade da Coruña. María SOA e Sara Faro son as responsables das composicións que acompañarán os distintos fitos da cerimonia, ademais de ser parte da súa dinamización a través de distintas actuacións que ofrecerán ao longo da noite.
“Para nós é marabilloso poder formar parte nesta edición dos Mestre Mateo, artellando composicións para a ocasión, con motivos novidosos que noutros contextos non se poderían dar, e nunha noite na que compartiremos escenario con outros proxectos do país, como é o caso do noso benquerido Mondra. Todo o proceso de creación e desenvolvemento da proposta foi revitalizador e moi enriquecedor”, apuntan María SOA e Sara Faro.
Así, a banda sonora orixinal creada por Fillas de Cassandra fiará musicalmente as distintas escenas que conformarán a cerimonia. É o caso das entregas dos galardóns, do Premio de Honra e doutros momentos do evento, que terá lugar no Coliseum da Coruña e que se poderá seguir ao vivo a través da Televisión de Galicia.
Fillas de Cassandra regresa á cidade da Coruña tras actuar o 22 de febreiro na Sala INN, nunha adaptación do espectáculo que están a presentar na súa nova xira, nomeada Últimas Dionisíacas. Trátase dunha proposta escénica e musical na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. No directo, no que a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante, tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.
Logo da exitosa estrea das Últimas Dionisíacas o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo (cita á que asistiron máis de 1.400 persoas) e do seu paso pola Coruña, Arzúa, Ribadeo ou BIlbao (acompañando a Zetak no seu Aaztiyen Tour), Fillas de Cassandra actuará tanto en Galicia coma nas localidades de Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun) e Madrid (Sala Sol); así como en grandes citas musicais do territorio peninsular, entre as que se atopan ZEID FEST, Gozo Fest, Ortigueira, El Tingladu ou Revenidas.
Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas
- 30 de marzo. Tui. Festas de San Telmo
- 31 de marzo. Padrón. Festas de Pascua.
- 12 de abril. Donostia. Ciclo Bizi ala Iraun.
- 13 de abril. Barakaldo. ZEID FEST.
- 24 de maio. Ourense. OurenSound Fest.
- 25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
- 1 de xuño. Madrid. Sala Sol.
- 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest.
- 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
- 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
- 1 ao 3 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
- 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas.
Fillas de Cassandra, finalista en 4 categorías dos Premios MIN da Música Independente
Fillas de Cassandra tamén resultou finalista, co seu álbum debut Acrópole, en catro categorías dos Premios MIN da Música Independente, os galardóns que recoñecen a creación artística, diversidade cultural, o novo talento e a calidade das producións publicadas polas Pemes da industria española.
O dúo vigués conformado por María SOA e Sara Faro é candidato aos seguintes galardóns:
– Mellor álbum en galego por Acrópole
– Mellor álbum de música de raíz por Acrópole
– Mellor artista emerxente
– Mellor videoclip por II. Lisístrata (Varre vasoira)
“Estamos moi contentas por todas as alegrías que nos está a dar Acrópole, pero moi especialmente por poder ver, nuns premios tan coñecidos, a tantas compañeiras finalistas, tanto nestas coma noutras categorías. Tanxugueiras, Caamaño & Ameixeiras, Bala, Baiuca, The Rapants, Grande Amore… Isto dá boa conta de todo o potencial e da boa saúde que goza a creación musical en galego”, sinalan.
A entrega destes recoñecementos, outorgados pola Unión Fonográfica Independiente (UFI), terá lugar o 17 de abril en Zaragoza.
20240320-NP-Fillas-de-Cassandra-Mestre-Mateo
por martinho | Feb 15, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
María SOA e Sara Faro estarán acompañadas de Tania Camaño e Marina Vidal sobre o escenario, nunha cita que contará coa presenza de diversas colaboradoras que serán toda unha sorpresa para o público asistente
O concerto dará comezo ás 22.00 horas no hall do Auditorio Mar de Vigo, mentres que a apertura de portas terá lugar ás 21.30 horas
Fillas de Cassandra iniciara mañá venres, 16 de febreiro, a xira Últimas Dionisíacas na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo.
O concerto, que comezará ás 22.00 horas (a apertura de portas será ás 21.30 horas), contará coa colaboración de diversas bandas e solistas cuxa participación será toda unha sorpresa para o público asistente.
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.
Neste directo, a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; mais unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo relevación do panorama musical galego no 2023 aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.
Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles). Despois actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun), o 13 de abril no ZEID FEST de Barakaldo e, máis adiante, nos festivais Ourensound, Ortigueira ou SonRías Baixas, entre outros.
CONVOCATORIA PRENSA E MEDIOS GRÁFICOS ACREDITADOS
Data: 16 de febreiro de 2024.
Lugar: Hall do Auditorio Mar de Vigo.
Hora: 21.45 horas (recollida de acreditacións e acceso de prensa a través da porta situada xunto á billeteira do recinto. A entrada do público será a partir das 21.30 horas pola porta principal e a hora de inicio do concerto será ás 22.00 horas).
Acto: Fillas de Cassandra inicia a xira ‘Últimas Dionisíacas’.
Protocolo de fotos e vídeo
Sen limitación de número de cancións.
Os primeiros temas poderanse facer desde o foso (o acceso ao mesmo farase acompañado polo equipo de prensa desde a billeteira).
A continuación poderanse tomar imaxes e vídeos por todo o hall do Mar de Vigo, agás sobre o escenario e nas zonas de acceso privado.
20240215-NP-Fillas-de-Cassandra-inicia-a-xira-Ultimas-Dionisiacas
por martinho | Ene 15, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
’
O dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu en menos de dez días os 1.400 billetes dipoñibles para a cita do 16 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo
Fillas de Cassandra vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación no seu novo directo, Últimas Dionisíacas, que terá lugar o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. En menos de 10 días, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu os 1.400 billetes dispoñibles para a cita; o que dá boa conta do momento que está a vivir o grupo, a gran revelación da escena musical do pasado 2023 tanto polas súas letras directas como pola forte conexión co público.
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas farán unha revisión dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. Neste novo directo, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante; e o dúo estará acompañado por outras dúas músicas sobre o escenario (Tania Caamaño e Marina Vidal). Alén deste formato, na estrea das Últimas Dionisíacas o vindeiro 16 de febreiro, Fillas de Cassandra contará coa colaboración de diversas artistas cuxas identidades aínda non saíron á luz.