O FIOT propón conversas abertas ao público con Titzina Teatro e Leo Bassi esta fin de semana

A ‘Escola do espectador nas ondas’ propón esta fin de semana dúas conversas abertas ao público con Titzina Teatro e Leo Bassi 

  • O Salón social do Pazo da Cultura acollerá as conversas o sábado 15 e o domingo 16, guiadas polo xornalista Daniel Galindo, cos intérpretes e creadores destes dous espectáculos, cuxa estrea en Galicia terá lugar no marco do FIOT31
  • A Escola do espectador nas ondas, de acceso libre, terá continuidade dúas fins de semana máis, e contará con Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Pont Flotant (sábado 22) e Pablo Messiez, Rebeca Hernando e José Juan Rodríguez (sábado 29). 
  • As estreas galegas de ‘Conferencia espectacular’, ‘Búho’ e ’70 años: Leo Bassi’ marcan a programación dunha fin de semana na que dá comezo o VI Certame Metro Cadrado

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará esta fin de semana dúas sesións da nova Escola do espectador nas ondas, os encontros promovidos polo FIOT entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para promover a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. A primeira sesión, na que participaron Mofa e Befa (‘Pirolíticos), Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, e que conduciu o xornalista e crítico teatral Camilo Franco, xa se pode escoitar desde o web https://fiot.gal/ondafiot/.

Así, o Salón social do Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado 15, ás 13.00 horas, a primeira das dúas sesións desta fin de semana. O xornalista Daniel Galindo (presentador de La Sala, programa especializado en artes escénicas de RNE) conversará cos intérpretes e creadores de Titzina Teatro co gallo da estrea en Galicia de ‘Búho’ (sábado 15, ás 20.30 horas, no Auditorio, no marco do Programa de Sala do FIOT31). Precisamente o recinto carballés será o primeiro escenario que o espectáculo visite en xira logo da súa estrea absoluta esta mesma semana. O encontro, aberto ao público,contará con petiscos e grolos para as e os asistentes.

Ao día seguinte, o domingo 16 a partir das 18.00 horas, terá lugar a segunda sesión da Escola do espectador das ondas desta semana e será con Leo Bassi. O clown e axistador de emocións regresa a Carballo 25 anos despois da súa primeira visita a Galicia e ao FIOT para estrear, no país, o seu último espectáculo: ’70 años: Leo Bassi’. Antes desta función, Galindo falará co bufón italiano sobre a súa traxectoria escénica e esta nova creación, na que esixe, a través da memoria e do humor, que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumulados.

De cara á semana seguinte, o sábado 22, celebrarase a seguinte sesión da Escola, que desta quenda dirixirá a xornalista Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras ou Cine de Barrio). A cita, que comezará ás 13.00 horas, contará con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, de Chévere -Premio Nacional de Teatro 2014-, e Pont Flotant. No primeiro caso, Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019), presentará o venres 28, no marco do ciclo OTNI, a súa conferencia performativa ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, na que aborda o proceso de creación dalgúns dos personaxes que interpretou con Chévere. Pola súa banda, a veterana compañía valenciana Pont Flotant estreará o sábado 22 de outubro en Galicia, no marco do FIOT31, a súa nova creación: ‘Eclipse total’, peza que se enreda nos fíos da memoria para reflexionar sobre a morte, o legado e o misterio desde o característico universo artístico do colectivo. O encontro, aberto ao público, porá en relación o traballo das compañías e dos seus procesos de investigación e documentación. 

Esta nova Escola do espectador nas ondas pecharase o sábado 29 de outubro co protagonismo absoluto de ‘La voluntad de creer’, a nova creación de Pablo Messiez, unha das propostas máis recoñecidas da tempada escénica e que, ao igual que Titzina, fará a primeira parada da súa xira no FIOT. O encontro, que conducirá Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) terá lugar o 29 de outubro, a partir das 14.00 horas, no Salón social do Pazo da Cultura e contará coa participación cds intérpretes Rebeca Hernando, José Juan Rodríguez e do propio Messiez, neste último caso a través de videochamada.
Axenda da fin de semana

Este venres dá comezo a terceira fin de semana de programación do FIOT, que conta con tres estreas en Galicia (‘Conferencia espectacular’, ‘Búho’ e ’70 años: Leo Bassi’) e as primeiras funcións do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo

Ás 19.30, horas, na praza do Concello, Fran Boza presentará ‘Malabarabilidades’, unha proposta ateigada de humor, malabares e mazas, ante o público carballés. De seguido, ás 21.00 horas, haberá unha nova función do XII Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), na que terá lugar a estrea en Galicia de ‘Conferencia espectacular’, do recoñecido David Espinosa, un singular parladoiro -no que combina a palabra con obxectos, maquetas e sombras- sobre o xurdimento doas novas escenas ou dos formatos teatrais máis innovadores, e na que non faltarán referencia a creacións de Peter Brook, Fura dels Baus, Mal Pelo, Needcompany ou Els Joglars, entre outras voces singulares.


O sábado 15 dará comezo a sexta edición do Metro Cadrado. En horario de mañá e tarde, poderanse ver ata catro funcións de dous espectáculos de breve duración: ‘Menú-do día’, do Colectivo #ChamizoBelloVila, que pon o foco nas violencias continuadas que vive o colectivo LGTBQI+;  e ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili, un proxecto de recuperación e exhibición de películas de cinema doméstico en formato 8mm, Super8 e 16mm. O acceso será libre e gratuíto ata completar o número de prazas e recoméndase facer reserva previa a través de fiot.microteatroentrada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario no que se queira asistir, nome e apelidos das ou dos asistentes e teléfono de contacto. 

Pola tarde, no marco do Programa de Sala, chegará a estrea en Galicia de ‘Búho’, da catalá Titzina,un espectáculo visualmente suxerente, onírico e cunha linguaxe trepidante que combina diversas artes escénicas. A través da música, da interpretación e da escenografía, ‘Búho’ constrúe un relato dirixido a todo tipo de públicos que se mergulla na busca interior da memoria do protagonista á fin de recuperar os seus recordos e a súa identidade logo de sufrir un ictus que lle provoca amnesia severa. Xa pola noite, a partir das 23.30 horas, será a quenda do humor máis novo e viral con Pablo Meixe Adrián do Regenco. Ambos presentarán na Rúa dos Contos os seus espectáculos ‘Quen aguanta isto?’ e ‘Así son’ no Mercado municipal. 

Como peche da fin de semana, e tamén no marco do Programa de Sala, o domingo 16 ás 20.30 horas terá lugar a estrea galega de ’70 años: Leo Bassi’, peza na que o bufón italiano fai balance sobre os seus máis de 60 anos sobre as táboas. As últimas entradas dispoñibles para este espectáculo están á venda no web www.ataquilla.com

Ademais da programación escénica, o Pazo da Cultura acolle dúas exhibicións que o público pode visitar no horario de apertura habitual do recinto: Zoom FIOT 2021 (situada no andar 0) e ‘Trinta anos de Mofa e Befa’ (situada na sala de exhibicións do andar -1, fronte ao auditorio). Toda a programación do FIOT31 pódese consultar a través do espazo web www.fiot.gal

20221014-Axenda-FIOT-14_16