A obra de teatro ‘Go Home’, dirixida por Tito Asorey, e o recoñecido cómico Galder Varas soben ás táboas do Encontro Mundial de Humorismo esta semana

O 1 de maio, ás 19.30h, o Teatro Colón será testemuña da primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU, Go Home, que aborda, desde a comedia, o turismo de masas

Galder Varas, un dos cómicos máis celebrados do momento, aterrará con Esto no es un show o xoves 2 no Colón, no que ofrecerá dous pases cuxos billetes están esgotados

As últimas entradas dispoñibles para Go Home, que conta con David Amor e Josito Porto como protagonistas, pódense adquirir a través da plataforma www.ataquilla.com 

O Teatro Colón será testemuña das novas propostas escénicas que a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá ao público nas súas dúas próximas xornadas. O mércores 1 de maio, Día do Traballador, ás 19.30h, chegará a quenda do espectáculo Go Home, dirixido por Tito Asorey, e que conta con Josito Porto e David Amor como protagonistas. A peza -a primeira obra de teatro de humor programada na historia do EMHU- aborda, en clave de humor, a problemática do turismo de masas da man dalgunhas das figuras máis queridas da escena galega, como o dramaturgo José Prieto ou a directora de iluminación Laura Iturralde.

Pola súa banda, na tarde do xoves, 2 de maio, un dos cómicos máis celebrados do momento, Galder Varas, desembarcará no EMHU para ofrecer unha dobre sesión do seu monólogo Esto no es un show. O espectáculo, que se poderá ver tamén no Teatro Colón en dobre función, ás 20.00 e 22.30h, promete improvisación, chistes, sketches e unha morea de gargalladas. Os billetes para ver a Galder Varas, cuxos vídeos acumulan milleiros de reproducións nas redes sociais, están esgotados desde hai semanas. 

AXENDA EMHU 2024 – MÉRCORES 1 E XOVES 2 DE MAIO

SOBRE GO HOME

Mércores 1 de maio, ás 19.30 horas, no Teatro Colón (últimas entradas dispoñibles en www.ataquilla.com)

Go Home é o novo espectáculo de teatro que conta con David Amor e Josito Porto como protagonistas, en asociación con grandes nomes da escena galega como José Prieto, Tito Asorey, José Faro, Laura Iturralde, Patricia Ferreira ou Xavier Porto. Trátase dunha peza comprometida coa realidade que conta a historia de David, un fanático das viaxes que xa fixo todas as andanzas que as axencias de turismo lle podían ofertar… Todas, agás unha en concreto. Comeza así, para o noso protagonista, todo un mundo de emocións…

SOBRE ESTO NO ES UN SHOW

Xoves 2 de maio, ás 20.00 e 22.30 horas, no Teatro Colón (entradas esgotadas)

Se isto non é un show, estarase preguntando vostede, de que se trata entón? Pois probablemente do mesmo que outros moitos monólogos. Pode agardar un escenario, un micrófono e un cómico. Tamén pode agardar moita improvisación, chistes e bloques diferentes aos que puido ver de Galder Varas en redes. E, por último, pode agardar a honesta intención de facerlle rir a gargalladas. Mais o que non pode agardar é un show. Iso xa llo advertimos.

O EMHU, O GRANDE EVENTO DO HUMOR EN ESPAÑA

O Encontro Mundial de Humorismo celebra a súa cuarta edición na Coruña desde o 25 de abril e até o 5 de maio. Trátase da cita humorística máis relevante de España tanto polo número de actividades que ofrece como polos de espectadores: este ano sumará máis de 20.000 asistentes. O evento, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia. 

A programación troncal do EMHU 2024 propón algúns dos espectáculos máis destacados do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina ou La nueva normalidad. Ademais, o Encontro Mundial de Humorismo conta don dúas galas de produción propia e que só se poden ver durante a celebración do evento na Coruña, como son Humoris Causa e Fantastic Colofon; e inclúe  espectáculos realizados por algúns dos humoristas máis recoñecidos do país. É o caso de Celebreixon, con Roberto Vilar, ou da obra de teatro Go Home, dirixida por Tito Asorey e que conta con David Amor e Josito Porto no seu reparto. Entre as propostas desta edición tamén está o show Tengo cosas para hacer, da arxentina Dalia Gutmann, que inicia en maio unha xira por España que terá, como punto de partida, o EMHU.   

Alén destes espectáculos, o Encontro Mundial de Humorismo 2024 conta cunha programación de actividades paralelas gratuítas que pretende favorecer que todos os públicos poidan gozar do grande evento do humor. É o caso do Match de Impro da Escuela Impro Coruña, o parladoiro Lo que me han enseñado los mayores, de Jordi Moltó, ou as gravacións dos podcast El Nicho, con David Perdomo, e El sentido de la birra, con Ricardo Moya, quen contará con Antonio Resines como convidado. Ademais, a veciñanza pode asistir ás conversas Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia e O negocio do humor, ou mesmo á presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril.

20240430-Axenda-EMHU-1-e-2-de-maio

O FIOT fecha a súa 31ª edición con todas as entradas esgotadas para as últimas funcións do Programa de Sala

O FIOT fecha a súa 31ª edición con todas as entradas esgotadas para as últimas funcións do Programa de Sala

  • ‘La voluntad de creer’, de Pablo Messiez; ‘Silencio’, de Juan Mayorga; e ‘Recortes, caneos e otras formas de driblar’, dirixida por Tito Asorey e cuxa función será inclusiva, pechan a última fin de semana de programación do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo
  • A actriz Blanca Portillo recollerá o domingo 30, ao finalizar a función de ‘Silencio’, o Premio do Público do FIOT 2015 por ‘El testamento de María’
  • Aínda quedan entradas dispoñibles para asistir á estrea en Galicia de ‘Mundo para lelos’, monólogo do humorista vasco Óscar Terol, creador de programas como ‘Vaya semanita’ da ETB; ou para as últimas funcións do Certame Metro Cadrado, que terán lugar no despacho do alcalde e na sala de xuntanzas dunha empresa local
  • O Salón social do Pazo da Cultura acollerá tamén o sábado, a partir das 13.15 horas, a derradeira sesión da primeira tempada do Escola do espectador nas ondas, aberta ao público, e na que a xornalista Paloma Cortina conversará con Pablo Messiez e o elenco de ‘La voluntad de creer’, o último éxito da nova tempada escénica madrileña

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota o pano esta fin de semana con todas as entradas esgotadas para o seu Programa de Sala, que ofrecerá tres espectáculos das grandes voces das escenas galega e estatal: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán. 

O sábado 29 acollerá representacións de catro montaxes, todas elas estreas galegas ou absolutas; ademais da derradeira sesión ao vivo da Escola do espectador nas ondas. O día comezará coas últimas funcións das pezas que participan no VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado: ’Viaxar é un pracer’, de Assircópatas (Dani Blanco e Antón Coucheiro), unha comedia do absurdo que reflexiona sobre o noso papel coma turistas e que se poderá ver no despacho do alcalde; e ‘Actriz, chora’, a peza de Cacharela Teatro (Alba Nogueira e Irene Lorenzo) que critica, desde a comedia, os estereotipos e os desafíos do sector artístico, en especial das mulleres novas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas) e, coma sempre, recoméndase reservar previamente a praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com

Tamén pola mañá terá lugar a derradeira sesión da primeira tempada da Escola do espectador nas ondas, os encontros abertos ao público, con vermú e petiscos, para coñecer desde a proximidade as propotas escénicas do FIOT. A partir das 13.15 horas no Salón social do Pazo da Cultura, a xornalista Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) manterá unha conversa co elenco de ‘La voluntad de creer’ e co seu director e creador, Pablo Messiez, quen participará vía telemática na gravación do podcast. A obra, unha coprodución do Teatro Español  e Buxman Producciones, terá precisamente esa tarde (20.30) a súa estrea en Galicia. 

‘La voluntad de creer’, escrita e dirixida por Pablo Messiez, indaga na relación entre vontade, fe e suxestión a partir da historia dunha familia, cuxo irmán menor sostén ser Xesús de Nazareth. A peza, que inicia a súa xira estatal en Carballo logo da súa estrea en Naves del Matadero do Teatro Español -converténdose no último gran éxito da tempada escénica madrileña-, inspírase na película ‘Ordet’, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra ‘La palabra’, de Kaj Munk. Xa en horario nocturno, a partir das 23.00 horas, o humorista Óscar Terol, creador de ‘Vaya semanita’ ou ‘Allá abajo’, presentará no Mercado municipal o seu último monólogo: ‘Mundo para lelos’, no que revelará ao público, desde a comedia, un gran tesouro: nin existe o listo integral, nin o intelixente a tempo completo, todas escondemos miserias e encrucillados sen resolver. As últimas entradas para o espectáculo do actor vasco están dispoñibles en www.ataquilla.com.

O domingo 30 terá lugar o regreso de Blanca Portillo a Carballo, logo da súa aclamada interpretación de ‘El testamento de María’ na edición de 2015, e que as asistentes do FIOT recoñeceron co Premio do Público 2015. Desta quenda a actriz volve coa aclamada ‘Silencio’, do recoñecido dramaturgo Juan Mayorga, a quen se lle outorgou estes días, precisamente, o Premio Princesa de Asturias; galardón que se suma aos Premio Nacional de Teatro e Literatura Dramática, ademais de diversos Max. ‘Silencio’ parte do discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que converteu en teatro e no que pon de manifesto o valor do tempo e do silencio. Unha vez remate a función, o director do FIOT, Alberto Sueiro, fará entrega do Premio do Público 2015 a Blanca Portillo. 

Peche inclusivo con ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’

Finalmente, a última función do Programa de Sala deste 2022 será o 31 de outubro. Chegará da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT. Precisamente esta última representación afondará nun dos retos principais deste ano do festival, como é a sustentabilidade e, particularmente, e inclusión e atención ás diversidades. Coa colaboración do CDG, o público asistente poderá gozar do espectáculo con audiodescrición. como xa aconteceu na función de ‘Pirolíticos’, e interpretación en lingua de signos, ao igual que nas pezas da Rúa dos Contos ‘Habito terra’ ou ‘Contando polos dedos’, que nesta ocasión será proxectada sobre os lateriais do escenario. Aquelas persoas con diversidade visual ou auditiva -ou portadoras de audífono- que queiran facer uso do servizo do dispositivo de lazo magnético ou coñecer o funcionamento do sistema, poden escribir un correo electrónico a fiot.carballo@gmail.com.

20221028-Axenda-28-31-OUT

Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Patricia de Lorenzo e Tito Asorey despiden esta fin de semana o #FIOT31

O FIOT despide esta fin de semana a súa 31ª edición coas voces de Juan Mayorga, Blanca Portillo, Patricia de Lorenzo, Pablo Messiez e Tito Asorey

  • As grandes figuras das escenas galega e estatal serán o ramo da última fin de semana de programación do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo
  • O FIOT ofrecerá o sábado 29 a estrea en Galicia do último éxito da tempada madrileña, ‘La voluntad de creer’, dirixida por Pablo Messiez, e do monólogo ‘Mundo para lelos’, do humorista vasco Óscar Terol; ademais doutras dúas estreas absolutas no marco do Certame Metro Cadrado: ‘Viaxar é un pracer’, de Assircópatas, e ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro
  • O Salón social do Pazo da Cultura acollerá tamén o sábado, a partir das 13.15 horas, a derradeira sesión da primeira tempada do Escola do espectador nas ondas, na que a xornalista cultural Paloma Cortina (Dramedias) conversará con Pablo Messiez e o elenco de ‘La voluntad de creer’

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despedirá esta fin de semana a súa 31ª edición por todo o alto. As grandes voces das escenas galega e estatal daranse cita en Carballo: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Grupo Chévere e Patricia de Lorenzo, Pablo Messiez, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán, os pratos fortes deste #FIOT31, terán un especial protagonismo estes días, nos que o público poderá gozar de ata tres espectáculos do Programa de Sala. O sábado 29 será a xornada central co certame ao acoller representacións de catro montaxes, todas elas estreas galegas ou absolutas; ademais da derradeira sesión ao vivo da Escola do espectador nas ondas

A primeira das citas terá lugar o venres 28. A Xograresa de Outono 2019, Patricia de Lorenzo,presentará en Carballo -no marco co ciclo OTNI- a súa conferencia performativa ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, un traballo no que aborda, a partir do proceso de construción dos distintos papeis que interpretou co Grupo Chévere, como é a representación de personaxes que, na meirande parte das ocasións, actúan como subalternas e reproducen os imaxinarios do poder. De Lorenzo expón como o traballo de actriz pode ser, ás veces, un modelo de resistencia e testemuño real da xente anónima que nunca é protagonista.

Ao día seguinte será a quenda do máis recente éxito da tempada escénica madrileña: ‘La voluntad de creer’, unha coprodución de Buxman Producciones e do Teatro Español escrita e dirixida por Pablo Messiez. A obra iniciará este sábado 29 a súa xira estatal e a primeira parada será en Carballo, dando pé á celebración da estrea en Galicia desta montaxe, que indaga na relación entre vontade, fe e suxestión a partir da historia dunha familia, cuxo irmán menor sostén ser Xesús de Nazareth. A peza inspírase na película ‘Ordet’, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra ‘La palabra’, de Kaj Munk. A estrea galega de ‘La voluntad de creer’ terá lugar o sábado 29 no Auditorio do Pazo da Cultura contra ás 20.30 horas. 

Outra das citas máis esperadas deste #FIOT31 chegará o domingo 30. Será o regreso de Blanca Portillo ás táboas do Pazo da Cultura logo da súa aclamada interpretación no 2015 de ‘El Testamento de María’, a coprodución do Centro Dramático Nacional, Festival Grec e Avance Producciones Artísticas, que resultou gañadora do Premio do Público do FIOT daquel ano. Desta quenda, a actriz volve coa aclamada ‘Silencio’, do recoñecido dramaturgo Juan Mayorga, un dos autores vivos máis representados e a quen se lle outorgou estes días, precisamente, o Premio Princesa de Asturias das Letras; galardón que se suma aos xa recibidos Premio Nacional de Teatro (2007), Premio Nacional de Literatura Dramática (2013), e numerosos Max como Mellor Autor ou Mellor Adaptación.

‘Silencio’ toma como referencia, precisamente, o discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que o dramaturgo converteu en teatro e no que pon de manifesto o valor do tempo e do silencio. Blanca Portillo é a responsable de levar á escena a peza, na que o autor tamén viaxa polos silencios teatrais que aínda soan na súa memoria e no seu corpo. 

A última función do Programa de Sala deste 2022 será o 31 de outubro. Chegará, coma no 2019 (edición que se pechou con ‘Fariña’), da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, que parte dun texto do xornalista Nacho Carretero e que conta con dramaturxia de José L. Prieto, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT. 

Xornada de estreas e despedidas o sábado 29

Este mesmo sábado 29 o público do FIOT tamén poderá gozar coas dúas últimas montaxes do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. Ao igual que na fin de semana pasada, terán lugar dúas estreas absolutas: ‘Viaxar é un pracer’, de Assircópatas, unha comedia do absurdo que reflexiona sobre o noso papel coma turistas e que se poderá ver no despacho do alcalde; e ‘Actriz, chora’, a peza de Cacharela Teatro que critica, desde a comedia, os estereotipos e os desafíos do sector artístico, en especial das mulleres novas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas) e, coma sempre, recoméndase reservar previamente a praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com

De xeito paralelo, no salón social do Pazo da Cultura celebrarase a derradeira sesión da primeira tempada da Escola do espectador nas ondas, os encontros nos que artistas, xornalistas especializadas en artes escénicas e público comparten conversa e facilitan a comprensión e análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. Desta quenda, a xornalista cultural de RTVE Paloma Cortina (Dramedias) manterá unha conversa aberta ao público co elenco de ‘La voluntad de creer’ e co seu director e creador, Pablo Messiez, quen participará vía telemática na gravación do podcast.

Xa pola noite o Mercado municipal acollerá a última función da XXIII edición do ciclo de narración oral Rúa dos Contos: será coa estrea en Galicia de ‘Mundo para lelos’, a última creación do humorista, actor e director vasco Óscar Terol, quen porá en evidencia un mundo que se asoma incomprensible para todas as persoas e do que sempre tentamos ocultar o noso “eu parvo”.

20221025-Os-pratos-fortes-do-FIOT-pechan-a-31-edicion