Títeres Alakrán presenta a obra A PITA XEFA este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 14 de outubro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María recuperan a actividade cultural, despois do verán, e fano cunha proposta familiar, especialmente dirixida para nenas e nenos entre 4 e 11 anos, que se desenvolverá no auditorio da citada Casa-Museo. A proposta é unha adaptación ao teatro de monicreques por parte da compañía Títeres Alakrán do libro A pita Xefa, de Marta Lado, obra, esta, gañadora en 2021 do Premio Fina Casaldarrey de Literatura Infantil pola igualdade.

A peza, que anima a cuestionarse dun xeito divertido os esquemas sexistas dominantes, trata dunha pita que cun soño pode facer moitas cousas como salto de lonxitude, bailar claqué… mais, sobre todo, pode conseguir o máis importante, mudar as normas do galiñeiro.

A obra dura 45 minutos e para asistir é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whtatsapp 698177621 (billete: 2 euros)

CIRCO GALAICO, de Títeres Alakrán, o sábado 9 ás 18 hrs, na Casa-Museo Manuel María

Este próximo sábado, día 9 de novembro, ás 18 hrs, na Casa-Museo Manuel María, poderemos gozar dun espectáculo de luz, son e cordas para gozar toda a familia, Circo Galaico, de Títeres Alakrán

Trátase dunha peza de monicreques de variedades conducido por un presentador, que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo amenizado cunha marabillosa música. Un circo único onde a maxia e o fantástico se mistura co autóctono, onde os artistas serán animais da fauna galega en liberdade (Xaquín, o forzudo xabarín; Corvus, o corvo equilibrista; Pedriño, o raposo malabarista; a cabra Ribelina; e o pallaso Rolín). 

O espectáculo está dirixido para público familiar e crianzas e o billete custa 2 euros por persoa. Cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información facilitada desde a Casa-Museo Manuel María.