A función será ao mesmo tempo unha homenaxe ao mestre de mestres e unha festa das boas historias
O público está convidado a preparar preguntas para Cadaval que vai respondelas durante o espectáculo
A cita será o martes 26 de setembro, ás 20:30 horas, e os convites poderán retirarse dúas antes do comezo do espectáculo
Quico Cadaval, referente internacional da narración oral, comeza a celebración dos seus trinta anos contando historias cun espectáculo especial o vindeiro martes, 26 de setembro, no Teatro Principal de Santiago ás 20:30 horas. A Asociación Memoria Atlántica, organizadora do Festival Atlántica, argalla coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e o patrocinio do Concello de Santiago unha función única que aspira a ser unha homenaxe, un agradecemento e unha celebración das boas historias. A entrada será gratuíta e os convites, que estarán limitados a dous por persoa, poderanse retirar dúas horas antes do comezo do espectáculo.
En 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, alén de agasallar aos asistentes cun feixe dos seus mellores contos, Cadaval vai deixar aberta a porta á participación do público, que está convidado a depositar na entrada do Teatro as preguntas que desexen. No transcurso da noite, algunhas delas serán seleccionadas ao chou e respondidas sobre a marcha por Cadaval. Así pois, o que aconteza no escenario vai ser unha mestura da habilidade improvisadora do artista e das características da propia pregunta. Todo pode pasar nesta noite única e moito do que ocorra dependerá da capacidade creativa do público.
Mestre de mestres
Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xoán Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Como contador de historias saíu do café Atlántico e dende aquela espallou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja.
Cadaval leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario. Un espectáculo de narración oral que se foi transformando nos últimos quince anos para se ir acomodando ás circunstancias ambientais, ás inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.
A Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con esta festa das historias pretende retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar. Fiel ao seu espírito colaborativo, nesta primeira función do Ciclo de Outono xunta esforzos coa Agrupación Cultural O Galo.
QUICO CADAVAL | 30 ANOS A CONTAR HISTORIAS. NOTAS DE RODAPÉ Martes 26 de setembro | 20:30 h Teatro Principal (Santiago de Compostela) | Entrada gratuíta (2 convites por persoa) Público adulto | Galego Convites: Retirada 2 horas antes do espectáculo na taquilla do Teatro Principal
O proxecto gañador da IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O auto do Castromil, de Excéntricas, comeza a súa xira o 7, 8 e 9 de xullo, ás 20.30, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
As tres función son de balde, previa recollida dos convites. Hai dúas maneiras de recoller os convites, quer a través da web www.compostelacultura.gal, quer a través da Zona C (oficina de información cultural e venda de entradas que está situada na praza de Cervantes (Preguntoiro, 1) e que ten un horario de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs, de terza feira (martes) a sábado).
A recollida de convites, tanto por internet, como presencial, comeza hoxe, día 27 de xuño, ás 11 hrs. Só é posíbel coller dous convites por persoa e para un único día. Os convites son numerados.
O auto do Castromil é un espectáculo con dramaturxia e dirección de Quico Cadaval e que protagonizan Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. O vestiario e a escenografía é de Carlos Alonso, a banda sonora de Piti Sanz e a iluminación de Octavio Mas.
Máis de corenta serán as representacións desta obra teatral que se poderá desfrutar nos próximos meses por distintas localidades do noso país.
A cita terá lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal, no marco do festival ‘O que non se escribe’, e as últimas entradas dispoñibles están á venda en www.compostelacultura.gal
Crnds, Antía Ameixeiras, Begoña Riobó, Claudia Abril, Marta Collazo, Flor Díez, Diego Alonso e Germán Díaz participarán no concerto
O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá este venres, 9 de xuño, a presentación ao vivo de Lugar A Ponte, o segundo traballo discográfico de Caldo. O concerto, que terá lugar no marco do festival O que non se escribe, comezará ás 20:30 horas e as últimas entradas dispoñibles están á venda no espazo web www.compostelacultura.gal.
Lugar A Ponte,o segundo álbum do trío conformado por Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas, publicouse o pasado 12 de maio nas principais plataformas dixitais. Producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é un disco con dez cortes no que Caldo incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición. Neste sentido, o grupo adapta e toma como punto de inspiración melodías ou temas tradicionais recollidas en lugares de Gargamala, As Neves, Avión, Pontecaldelas e Pazos de Borbén.
Así, Lugar A Ponte preséntase coma unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Con este traballo, Caldo abre paso e reinvidica o seu espazo no panorama actual coma unha das agrupacións imprescindibles á hora de entender a renovación e a posta en valor da música tradicional a través da experimentación sonora.
O concerto de presentación deste venres 9 contará, ao igual que sucede no propio álbum, con numerosas colaboracións e artistas convidadas. Así, ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, sobre as táboas do Teatro Principal Caldo acompañarase de German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu).
CALDO
María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.
O pasado mes de de maio o trío publicou Lugar A Ponte. Producido con Alberto Cernadas (crnds), neste álbum Caldo avanza na procura e experimentación do seu universo creativo para incorporar novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición, e incluíndo gravacións ao directo coma nos seus inicios.