Maneiro pechará a xira de presentación de ‘Un bonito despertar’ no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 2 de marzo

O músico, tamén vocalista de Heredeiros da Crus, actuará a partir das 20.00 horas e as entradas están dispoñibles a través da plataforma web Ataquilla.com 

O cantante e compositor Javi Maneiro actuará o sábado 2 de marzo no Teatro Principal, nunha cita que suporá o peche da xira de inverno de presentación do seu cuarto álbum, Un bonito despertar. As entradas para o directo, que comezará ás 20.00 horas, están á venda na plataforma Ataquilla.com.

Maneiro visita nos meses de febreiro e marzo os teatros e as salas de concertos de Galicia presentar o seu novo disco en solitario, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Logo do lanzamento de Un bonito despertar en maio e da estrea ao vivo na Sala Capitol en xuño, o músico por fin leva o seu novo directo a un total de sete localidades do país grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

A xira Un bonito despertar chegará o sábado 2 de marzo ao Teatro Principal de Pontevedra tras visitar Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo e Ferrol. Sobre o escenario, o cantante acompañarase dunha banda conformada para a ocasión, con Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).


Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido

No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro inicia en febreiro de 2024 unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.

20240220-MANEIRO-pecha-en-Pontevedra-a-xira-de-presentacion-de-Un-bonito-despertar

O Teatro Jofre activa a venda de entradas de Síntese Horizonte, o novo directo de Guadi Galego con banda

A cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia, cun espectáculo que tamén presentará o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela, cuxos billetes xa están esgotados, e o 13 de abril en Pontevedra

Guadi Galego actuará no Teatro Jofre o vindeiro 27 de xaneiro. A cantante e compositora presentará na Ferrolterra o seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia. Desde esta mañá é posible adquirir as entradas para asistir á cita no recinto ferrolán a través da plataforma en liña www.ataquilla.com.

Guadi Galego quere ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora a través de  Síntese Horizonte. O directo presentarase con tres citas exclusivas nas que se acompañará dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, e que se reunirá especialmente para esta feliz ocasión. Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e un coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez participarán nesta tríade de actuacións, que tamén destacarán tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento). 

Síntese Horizonte presentarase, ademais, o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, cuxas entradas se esgotaron en menos de 24 horas desde que saíron á venda, e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan, no que máis da metade das butacas xa están ocupadas. Estes billetes pódense adquirir tamén a través do espazo web www.ataquilla.com

GUADI GALEGO

É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. 

Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país,Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.



DATAS SÍNTESE HORIZONTE

26 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Principal de Santiago de Compostela. Entradas esgotadas. 
27 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Jofre de Ferrol. Entradas á venda en www.ataquilla.com 
13 de abril, 20.00 horas – Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’. Entradas á venda en www.ataquilla.com

20231213-NP-Guadi-Galego-Sintese-Horizonte-en-Ferrol