Fillas de Cassandra publica ‘Tataravoa’, un sinxelo que rende tributo ás antepasadas
O tema, o primeiro que o dúo lanza após a publicación do seu álbum Acrópole, está producido por MaríaSOA e os djs Galician Army
A relación entre o presente e o pasado atópase tanto a nivel textual coma no corpus formal da canción, na que se mestura música tradicional, electrónica e pop contemporáneo
Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, vén de publicar nas principais plataformas dixitais o seu novo sinxelo: Tataravoa. No tema, producido por MaríaSOA e os djs Galician Army (Sergio Vallejo e Alberto Prado), as creadoras renden tributo ás devanceiras e ás formas que elas atoparon á hora de poder rebelarse contra o establecido. A peza, cun retrouso pegadizo no que entoan a “tatara tatara tatara tatara avoa” a ritmo de muiñeira, xa se pode escoitar nos directos que Fillas de Cassandra está a ofrecer este verán no marco da xira de presentación do seu primeiro álbum, Acrópole.
Tataravoa, composta e escrita por Fillas de Cassandra, nace da intención poñer en valor o papel e a importancia das avoas e das antepasadas nas nosas vidas, “desas pequenas loitas e conquistas que acadaron, que quedaron e que chegaron a día de hoxe”, segundo afirman as artistas. Precisamente, as voces das avoas de María Pérez e Sara Faro pechan un tema no que a relación entre pasado e presente é explícita. Atópase tanto a nivel textual, cando cantan “se nos visen no palco / coa forza dun vendavale / non sei ben se chorarían / ou ben subirían con nós a cantare”, así coma no corpus formal da canción, que aúna elementos chave da música tradicional co piano, a música electrónica ou o pop contemporáneo.
Tataravoa é o primeiro tema que Fillas de Cassandra lanza, precisamente, logo da publicación de Acrópole o pasado mes de febreiro. A estrea en directo do mesmo, con voz e pandeireta, foi no marco do ciclo coruñés Vangal, no ateigado patio da Fundación Luis Seoane. Nese momento, o dúo Galician Army -que publicou recentemente o seu primeiro álbum, Nós- interésase nunha colaboración para a produción do mesmo e, dous meses despois, ambas formacións interpretan ao vivo o sinxelo durante unha actuación no Arde Lucus. A pasada semana a súa actuación conxunta tamén foi moi celebrada no Atlantic Pride coruñés.
SOBRE FILLAS DE CASSANDRA
María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.
O pasado mes de febreiro publicaron nas principais plataformas dixitais Acrópole, un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata.
20230712-NP-Tataravoa-novo-sinxelo-de-Fillas-de-Cassandra