Fillas de Cassandra inicia este venres 16 a xira ‘Últimas Dionisíacas’ no Auditorio Mar de Vigo

María SOA e Sara Faro estarán acompañadas de Tania Camaño e Marina Vidal sobre o escenario, nunha cita que contará coa presenza de diversas colaboradoras que serán toda unha sorpresa para o público asistente

O concerto dará comezo ás 22.00 horas no hall do Auditorio Mar de Vigo, mentres que a apertura de portas terá lugar ás 21.30 horas


Fillas de Cassandra iniciara mañá venres, 16 de febreiro, a xira Últimas Dionisíacas na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo.
O concerto, que comezará ás 22.00 horas (a apertura de portas será ás 21.30 horas), contará coa colaboración de diversas bandas e solistas cuxa participación será toda unha sorpresa para o público asistente. 
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público. 
Neste directo, a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; mais unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo relevación do panorama musical galego no 2023 aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles). Despois actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun), o 13 de abril no ZEID FEST de Barakaldo e, máis adiante, nos festivais Ourensound, Ortigueira ou SonRías Baixas, entre outros. 

CONVOCATORIA PRENSA E MEDIOS GRÁFICOS ACREDITADOS

Data: 16 de febreiro de 2024.
Lugar: Hall do Auditorio Mar de Vigo.
Hora: 21.45 horas (recollida de acreditacións e acceso de prensa a través da porta situada xunto á billeteira do recinto. A entrada do público será a partir das 21.30 horas pola porta principal e a hora de inicio do concerto será ás 22.00 horas). 
Acto: Fillas de Cassandra inicia a xira ‘Últimas Dionisíacas’.

Protocolo de fotos e vídeo

Sen limitación de número de cancións. 

Os primeiros temas poderanse facer desde o foso (o acceso ao mesmo farase acompañado polo equipo de prensa desde a billeteira). 

A continuación poderanse tomar imaxes e vídeos por todo o hall do Mar de Vigo, agás sobre o escenario e nas zonas de acceso privado.


20240215-NP-Fillas-de-Cassandra-inicia-a-xira-Ultimas-Dionisiacas