21 de marzo, Día da Poesía
Segundo palabras da propia UNESCO, “a poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar de xeito sempre anovado a forma na que usamos as palabras e as cousas, e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade. Grazas ás súas asociacións e metáforas e á súa gramática singular, a linguaxe poética constitúe, pois, outra faceta posíbel do diálogo entre as culturas.”
Cada ano, o 21 de marzo, a UNESCO celebra o Día Mundial da Poesía e convídanos a reflexionar sobre o poder da linguaxe e o florecemento das capacidades creadoras de cada persoa. Tendo en conta a decisión da UNESCO, o primordial obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser unha canle de comunicación artística nas súas comunidades respectivas.
Doutra banda, neste Día búscase promover o ensino da poesía; fomentar a tradición oral dos recitais poéticos; apoiar ás pequenas editoriais; crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación para que non se considere unha forma anticuada de arte, senón unha vía de expresión que permite ás comunidades os seus valores e reafirmarse na súa identidade; e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas, coma o teatro, a danza, a música e a pintura.
A decisión de proclamar o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía aprobouse pola UNESCO durante su 30º período de sesións, acontecido en París en 1999. A UNESCO anima aos Estados Membros a tomar parte activa na celebración do Día Mundial da Poesía, tanto a nivel local coma nacional, coa participación das ONG e das institucións públicas e privadas: autoridades locais, escolas, asociacións poéticas e culturais, museos, editoriais, etc.
Tendo en conta todo o anterior, o vindeiro martes, 21 de marzo, en Vilalba convidamos á cidadanía, en xeral, e á comunidade educativa, en particular, a que participen na proxección poética que mane do seu interior. Baixo o lema SENTE A POESÍA, queremos que, quen así o desexe, veña recitar poemas de autoría propia ou allea, co gallo de establecer un fío de comunicación entre os distintos colectivos da comunidade vilalbesa.
Daquela, agardamos pola túa participación. Ven, SENTE A POESÍA.