O Festival Atlántica celebra San Martiño en Teo cunha sesión en liña da contadora aragonesa Sandra Araguás
O Festival Atlántica celebra San Martiño en Teo cunha sesión en liña da contadora aragonesa Sandra Araguás
· O evento vaise retransmitir en liña este martes, 10 de novembro, a partir das 16 horas no Facebook das bibliotecas de Teo
· O espectáculo ‘Contos sorprendentes’ está dirixido a nenos de entre tres e oito anos
Coincidindo coa celebración de San Martiño en Teo, o Festival Atlántica vai ofrecer unha función da narradora oscense Sandra Aragúas que será retransmitida en liña pola páxina de Facebook das bibliotecas municipais do concello (facebook.com/bibliotecas.municipais.deteo). O evento será este martes, 10 de novembro, a partir das 16 horas, e levará o título de ‘Polo San Martiño contos en liña: Contos sorprendentes’. Neste espectáculo, concibido para nenos con idades entre os tres e os oitos anos, Araguás vai intentar arrincar o riso e a gargallada a través de historias tolas e xocosas onde pode acontecer calquera cousa. A actividade conta coa colaboración do Concello de Teo.
A narradora Sandra Araguás licenciouse en Humanidades, especialidade en Lingua e cultura española. É contista profesional, escritora, editora, investigadora de tradición oral e guide-interprète national française. Conta en bibliotecas, escolas, institutos, campañas de animación á lectura, obradoiros de oralidade, feiras do libro, semanas culturais, festivais e actos variados difundindo a tradición oral aragonesa. Tamén participa en encontros e festivais como ‘La casa de los títeres’ de Abizanda, o Festival Pirineos Sur, Huesca es un cuento, o Festival Langarte, Güestival de Larrés, o Programa Provincia Inquieta de Cáceres… e sobre todo en vilas, nas súas rúas, preto da xente.
Entre as súas publicacións figuran La sombra del olvido, Mi madre es una bruja, La campana de Huesca, La mano verde, Rabadancito, Titiritera, Olvido Sinsentido, Toño Cazaimposibles, Lágrimas en los tejados, La pirata. El granjejeo, Por encima de rama e hoja, Lanuza sobre las aguas, Aitana y la abuela (Premio ao mellor libro do Altoaragón pola asociación de libreiros de Huesca) ou Amina quiere ser bruja, por citar algunhas.
Atlántica segue a navegar
O Festival proseguirá durante os días 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con máis actuacións noutros concellos galegos. A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites. Dada a cambiante situación sanitaria, esta programación está suxeita a modificacións, pero calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.