O Salón Teatro do CDG de Santiago de Compostela acolle este sábado a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Ana Cotoré

No marco da oitava edición das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora, bailarina, intérprete e pedagoga está a traballar en Compostela desde o pasado 15 de xullo no seu proxecto ‘No necesito un nombre para ser mascota’, coa saúde mental como foco de atención

Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, Ana Cotoré ofrecerá este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, con entrada libre, unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Salón Teatro do Centro Dramático Galego

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado 15 de xullo, a artista Ana Cotoré iniciaba a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en torno á proposta da creadora que ten por título No necesito un nombre para ser mascota, unha investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza, que parte dunha experiencia autobiográfica para poñer o foco de atención na problemática da saúde mental.

Agora, este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, Ana Cotoré ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar, tamén, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

SOBRE O PROXECTO

No necesito un nombre para ser mascota é un proxecto no que Ana Cotoré aborda os conceptos de domesticación e cansazo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención. Esta investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza vén acompañada do iluminador Victor Longás e conta coa mirada externa de Álvaro Murillo.

No necesito un nombre para ser mascota parte dunha experiencia autobiográfica para desenvolver unha proposta escénica na que conectar con todo aquilo que nos fai reestruturarnos cando algo externo irrompe e provócanos un derrubamento vital.

SOBRE A ARTISTA

Ana Cotoré é bailarina, intérprete, creadora e pedagoga nada en Zaragoza. É licenciada en Psicología e graduada en Educación Social, disciplinas que influíron profundamente na súa investigación do movemento e na súa traxectoria artística.

Como bailarina, actriz e intérprete, actualmente traballa en Madrid con Marina Otero na obra Kill Me, e participou no elenco da Compañía Matarile Teatro nas obras Daimon y la jodida lógica e en Inloca. Desde 2017 traballa coa Compagnia Movimento Danza de Gabriella Stazio (Nápoles, Italia). Participou, tamén, en diferentes proxectos de danza-teatro, un deles coa compañía Connecting Fingers Company. Cotoré adoita colaborar na creación e supervisión coreográfica para traballos doutros profesionais das artes escénicas e recentemente traballou como coreógrafa e na película documental When I Dance (Berlín, Alemaña).

Como autora e creadora das súas propias pezas participou en diferentes festivais en España e no estranxeiro coas pezas Réquiem por un cuerpo I, Réquiem por un cuerpo II, Takotsubo e Stage Diving, entre outras, tanto en salas como en espazos non convencionais. 

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.colectivorpm.gal/

2024.08.02.-NP-Mostra-Residencia-Paraiso-Ana-Cotore

O Centro Dramático Galego prepara a estrea absoluta de ‘Run Baby Run’ o 6 de outubro

A obra, con texto de Fátima Delgado e dirección de Jana Pacheco, estará no Salón Teatro de Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de outubro

O elenco desta peza que reflexiona sobre a discriminación de xénero dentro do deporte está composto por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez

Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia

O equipo de Run Baby Run xa está a ensaiar nas Naves do Español en Matadero Madrid, ultimando os detalles desta obra sobre a discriminación de xénero dentro do deporte que terá a súa estrea absoluta o vindeiro 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela. Fátima Delgado asina o texto desta peza dirixida por Jana Pacheco que contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e que se poderá ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024. O elenco confórmano Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.

A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un Mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. Para a dramaturga Fátima Delgado, “Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición e agraviada publicamente por unha cuestión de xénero”. 

Para a creación da obra, Fátima Delgado investigou sobre varios casos de mulleres deportistas que sufriron discriminación de xénero no ámbito deportivo, unha situación de plena actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, a algunha delas non se lle permite participar dentro da súa especialidade na categoría feminina. O texto de Run Baby Run, que xa está publicado na colección Teatro de Editorial Galaxia e vai ser presentado o vindeiro 3 de outubro en Santiago, pon o foco no deporte feminino, un tema que se prodiga pouco no teatro, e faino ademais desde unha perspectiva de xénero. Segundo a propia Fátima Delgado, “un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, desde as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade”.

Nesa liña afonda a directora Jana Pacheco que ve no feminismo “unha clave fundamental de transformación social” e afirma que “Run Baby Run é unha obra que aposta por visibilizar a situación da muller no deporte e reflexiona sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas”. Alén diso, tamén salienta que é “un espectáculo contextualizado no Entroido, o cal fai que podamos investigar toda esa maxia telúrica, a fantasía que vén do entroido, da carnalidade e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional”.

O factor humano

Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual e historiadora da arte. Fátima Delgado é dramaturga, actriz e poeta. Ambas as dúas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas en xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación e cun forte compromiso feminista. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.

Canda elas, no equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 a mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e o espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max a mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro en 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Irmás Gestring, entre outras. Run Baby Run é un espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid.

PRESENTACIÓN DO LIBRO ‘RUN BABY RUN’
•    DATA: Martes 3 de outubro | 20 h
•    LUGAR: Casa do Taberneiro [Rúa de San Pedro 15, Santiago de Compostela]
•    PARTICIPAN: Fátima Delgado, autora da obra, Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, e Paula Fernández Seoane, filóloga e profesora

20230914-NP-Run-Baby-Run-SCQ