Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: os sotos baixo a pel de cemento, guiado por Inma Otero Varela, o sábado 25 de maio
O Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: os sotos baixo a pel de cemento, guiado por Inma Otero Varela terá lugar o sábado 25 de maio, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes, dándose a coñecer ás persoas anotadas o punto de saída.
Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
A partir do poemario En concreto e da novela Teoría de xogos pódese trazar un mapa social e mítico da Coruña oculta, a que se sitúa do lado que perde, malia a ser a trabe da cidade. Luísa Villalta reivindica as marxes, tamén as urbanas, na encrucillada que abeira o novo milenio. Formigón, leiras, ríos soterrados e vento vixiado polo ollo do faro balizan todos os espazos.
A actividade conta co apoio do Concello da Coruña.
Máis información aquí: https://www.aelg.gal/actividades/paseos-literarios/2024/5/25/a-coruna-de-luisa-villalta-os-sotos-baixo-a-pel-de-cemento-con-inma-otero-varela