Andanzas do Suso de Lameliña. RÍO DA NENEZ

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

RÍO DA NENEZ

Claro que me lembro de ti. Coma non vou lembrarme? Ti tiñas nove ou dez anos cando viñas por aquí, sobre todo os días quentes de verán. Aínda parece que foi hoxe cando te mergullabas nas miñas frescas augas procurando algo de alivio á sufocante calor. E logo poñíaste á sombra deste bidueiro ou do olmo que está na outra beira a xogar con calquera cousa. Moito che gustaban os cabaliños do demo, coa súa variedade de cores. Cabaliños do demo, por que lles dicides así os humanos? Sempre me chamou a atención ese nome, sabes? O que menos me gustaba, ¡moito me amolaba!, era cando ti e os teus amigos vos adicabades a caparme. Colliades unha pedra plana e veña a arrebolala contra as miñas augas, para que rebrincara e saíra voando coma unha frecha. E sabes por que recordo todo isto?  Porque  teño unha memoria prodixiosa, non esquezo nada desde que son río, mellor dito regato, porque xa ves a auga que levo e con esta seca acabarei estiñando. Si, xa sei que estou mudando continuamente e segundo acabo de pronunciar unha palabra xa son distinto, que estas augas que levo son outras, moi diferentes a aquelas nas que te bañaches. Pero sigo a ser o mesmo regato, camiño do Chamoso —ese si que é río e non digamos o seu pai, o Miño—, e é no leito e, non nas augas, onde almaceno todo o pasado. Ai!, se che contase. Eu si que tiña para un libro. De cando era a sega e traían as bebidas para refrescar e logo comían á miña beira, mellor non dicir nada do que alí pasaba. Ou cando viña algunha parella, por certo ti tamén algunha vez con aquela, María? Non era así coma se chamaba?  Ou cando aparecía o teu amigo Lolo a pescar. Que malo era! Non collía unha troita e mira que daquela había abondas. Moito lle gustaba, era capaz de estar toda a tarde e largar, con sorte, cunha peza ou ao sumo dúas. Xa ves, e hoxe, despois de cantos anos?, para min, un suspiro, para ti toda unha vida, apareces por aquí. 

Agora xa non se achega ninguén, en parte porque xa pouca xente queda por estes lugares e por outro lado como podes observar isto está todo cheo de silvas e maleza. Coma para ousar acercarse a min! Xa vexo que ti viñeches provisto dunha boa cachaba, pero seguro que non che foi fácil chegar, o cal cho agradezo. Pois con todas estas lembranzas, case me fixeches chorar, mira coma baixan as augas. Vaite logo, que xa vexo que ti tamén te emocionas e volve cando queiras. Pero oes, non tardes tanto tempo coma desta vez. Ai!, aqueles tempos!