As arpistas Beatriz Martínez, Carmen Bernal e Reyes Gómez, protagonistas da segunda xornada do Noia Harp Fest 

As arpistas Beatriz Martínez, Carmen Bernal e Reyes Gómez, protagonistas da segunda xornada do Noia Harp Fest


Beatriz Martínez, a instrumentista galega máis relevante no eido da arpa céltica, presenta o seu primeiro álbum en solitario nos xardíns da Central do Tambre

O Teatro Coliseo Noela celebra desde as 22.00 horas un concerto especial da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA) no que participará o Trío Clepsidra


O talento feminino é o protagonista da segunda xornada do Noia Harp Fest, que se celebra desde este mércores e até o domingo 7. As arpistas Beatriz Martínez, Reyes Gómez e Carmen Bernal actúan mañá, xoves 4 de agosto, no marco do único festival especializado do instrumento que se celebra no noroeste da Península Ibérica. 

A actividade comezará ás 11.30 horas no Liceo de Noia coa primeira das clases maxistrais que ofrece este ano o festival, nomeada ‘Contando historias’ e que impartirá a intérprete Reyes Gómez, arpista do Trío Clepsidra. O programa continuará en horario de tarde (19.30 horas), nos xardíns da Central do Tambre, coa presentación de ‘Tal como as nubes’o primeiro álbum en solitario de Beatriz Martínez, a figura máis relevante de Galicia no eido da arpa céltica. Este traballo aporta unha concepción moi novidosa no tratamento da música de tradición oral para esta arpa coa que se misturan, cunha sensibilidade especial e un estilo absolutamente propio, temas de composición orixinal. Formada na Etrad de Vigo, compoñente da orquestra SonDeSeu e do grupo Ghaveta, a arpistas ten unha sólida carreira como intérprete. No concerto estará acompañada ao buzuki e á guitarra acústica por Diego Langarica

Xa pola noite, contra ás 22.00 horas, no Teatro Coliseo Noela celebrarase o Concerto Especial AEDA, en colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA), no que participarán Carmen Bernal (gañadora do I Certame AEDA para novos intérpretes) e o Trío Clepsidra. Este último explora o atractivo e orixinal repertorio existente para arpa, viola e frauta travesera nas súas múltiples posibilidades. Os seus integrantes, nados en Salamanca e formados nos principais centros europeos, realizan unha intensa actividade profesional baseada en frecuentes colaboracións con orquestras nacionais; concertos de música de cámara xunto a ensembles especializados en repertorio clásico, antigo e contemporáneo; e a docencia en diferentes conservatorios e cursos de perfeccionamento.


AXENDA NOIA HARP FEST – XOVES 4 DE AGOSTO
11.30 horas, Liceo de Noia | Clase maxistral con Reyes Gómez: ‘Contando historias’
19.30 horas, Xardíns da Central do Tambre | Concerto de Beatriz Martínez & Diego Langarica
22.00 horas, Teatro Coliseo Noela | Concerto especial AEDA: Carmen Bernal e Trío Clepsidra