PAKOLAS, este sábado na Casa-Museo Manuel María, con “Ramona Órbita, a dona do tempo”
Pakolas estará este sábado, día 21 de novembro, ás 17 hrs, na Casa-Museo Manuel María para nos presentar coa súa forza interpretativa e o seu humor o seu último traballo “Ramona Órbita, a dona do tempo”. Un espectáculo individual, creado polo propio autor, e dirixido para nenas e nenos entre 4 e 9 anos.
Contaranos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. Así, a través das cancións e a narración levaranos por diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés que lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, etc, todo até chegar a Benvidas ao Futuro en que cantaremos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.
Pakolas combinará a narración, a interpretación e caracterización de moitas personaxes, e a música; e tamén animará os nenos e nenas e todo o público a participar coas mans, cos ritmos do corpo e coa voz (retrousos, sons, etc). Así, podemos compartir entre todos e todas a música e as historias cantadas e contadas. En definitiva, un xeito divertido de aprender e de gozar.
É imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O aforo do auditorio da Casa-Museo Manuel María verase reducido considerabelmente polas indicacións sanitarias motivadas pola COVID-19. O billete ten un prezo de 2 euros
A duración do espectáculo será entre 40 e 50 minutos
As persoas que asistan terán como condicións de obrigado cumprimento:
-o uso de máscara (excepto as persoas exentas pola lexislación vixente)
-lavar as mans con xel hidroalcólico á entrada
-manter a distancia de seguranza, sobre todo á entrada e á saída para evitar amontoamentos
-non mudarse das cadeiras asignadas
-seguir as indicacións do persoal da Casa-Museo Manuel María
Recoméndase, tamén, limitar o máximo posíbel o uso dos baños