Paula Carballeira e Quico Cadaval inauguran xuntos en Santiago de Compostela a décima edición do Festival Atlántica

PAULA CARBALLEIRA E QUICO CADAVAL INAUGURAN XUNTOS EN SANTIAGO A DÉCIMA EDICIÓN DO FESTIVAL ATLÁNTICA

  • Tamén haberá espectáculos de Dani Blanco, Cris Collazo, Celso Fernández Sanmartín e a Banda Municipal de Música
  • No concello de Teo inaugurarán o festival os portugueses Vítor Fernandes e Estefânia Surreira
  • Toda a programación é gratuíta e prolongarase ata o 9 de xullo nas múltiples sedes de Atlántica

A inauguración do X Festival Atlántica vai estar protagonizada por dous grandes da narración oral galega: Paula Carballeira e mais Quico Cadaval. Ambos os dous artistas ocuparán o escenario que se vai instalar no Parque de Bonaval para celebrar co público os ‘10 anos do mar de contos’. Será a partir das 21:30 horas e con entrada gratuíta. Iso si, as cadeiras están esgotadas desde hai un par de días pero é posible acceder ao espazo e sentar na herba ou levar un asento propio.

Pero antes deste acto oficial están previstas outras actividades repartidas pola cidade. A primeira cita será ás 11 da mañá no CSC das Fontiñas onde o galego Dani Blanco levará as súas ‘Historias desde o outro lado da raia’, unha escolma de contos dirixida ao público infantil e familiar.

Xa pola tarde, ás 19 horas, os bebes de entre 0 e 3 anos teñen unha cita con Cris Collazo no Parque de Bonaval e ‘Son de berce’. Un chisco máis tarde, ás 20 horas, será a quenda dunha ‘Romaría’ artellada entre Celso Fernández Sanmartín e a Banda Municipal de Música de Santiago na Praza de Praterías.

Ademais, o concello veciño de Teo tamén recibirá un espectáculo do Festival Atlántica. Trátase de ‘Dois dos montes’ dos portugueses Vítor Fernandes e Estefânia Surreira que actuarán na Carballeira da Tomada, en Calo, ás 21:30horas.

Atlántica multisede

A actividade do festival en Santiago continuará ata o vindeiro 9 de xullo e incluirá un total de 31 espectáculos dos 94 previstos en toda Galicia. Esta intensa programación na cidade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago.

Mais Atlántica tamén vai desenvolver a súa actividade noutros lugares espallados polas catro provincias galegas. De feito, outras dous sedes acollerán mañá espectáculos do festival. A primeira delas é Ferrol, onde a colombiana Carolina Rueda brindará dúas funcións, unha para público infantil e familiar e outra para adultos, na Biblioteca Municipal. O segundo lugar é Outes onde a galega María da Pontragha tamén ten previstas dúas funcións para nenos e maiores na Praia de Broña.

Alén diso, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas e Padrón, ademais de Santiago de Compostela, Ferrol e Outes. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e da América Latina.

20220629-NP-SANTIAGO_TEO-FestivalAtlantica

7º Convivio da Cultura Galega. Quico Cadaval este sábado, ás 16 hrs, con “O complexo de Edipo”, na Casa-Museo Manuel María

A Federación Galiza Cultura e a Casa-Museo Manuel María organizan para este sábado, 26 de setembro, unha nova edición, a sétima, do Convivio da Cultura Galega, en Outeiro de Rei da Terra Chá.

Dentro da xornada, ás 16 hrs, está programada, en principio na horta da Casa-Museo, unha actuación de Quico Cadaval que levará a cabo a narración oral “O complexo de Edipo”. Un espectáculo que comezou como un comentario de texto escolar para acabar convertido nun diálogo imaxinario do narrador coa sua nai sobre o mito de Edipo e o triste destino da familia real de Tebas (Grecia). Gastronomía! Épica! Alta Cultura! Mexericos! Psicanálise! Noticias sorprendentes sobre a monarquía española! Todo en 71 trepidantes minutos, nun monólogo traxi-ridículo.

Esta actividade, dirixida para público adulto, é de entrada libre mais é necesario facer previamente reserva que se poderá realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas  preventivas da COVID-19 o número de prazas para presenciar o espectáculo é menor.